Rosalía de Castro, gardiá dos segredos dos bosques e do lugar da memoria

Publican unha edición facsimilar de «El primer loco», última novela da escritora

Detalle del retrato de Rosalía de Castro realizado por Modesto Brocos
Detalle del retrato de Rosalía de Castro realizado por Modesto Brocos

Foi a última novela de Rosalía de Castro (Conxo, 1837-Padrón, 1885), El primer loco. Cuento extraño, que apareceu en Madrid no ano 1881. O selo Alvarellos —co respaldo do Consorcio de Santiago— vén de levar ás librarías unha edición facsimilar do texto, que se presenta hoxe (19.30 horas) na sede da Fundación Torrente Ballester. Trátase dunha obra que está ambientada no bosque do Banquete de Conxo, no que se move Luis —«el joven elegante, pálido, de rasgados ojos claros y húmedos, de mirada vaga» que protagoniza o relato—. Tal ecosistema non é unha escolla caprichosa da poeta, senón que agocha a súa sensibilidade «cara á vida das árbores», que se manifesta, cando menos, desde os Cantares gallegos (1863), como sinalan Germán Labrador Méndez e María do Cebreiro Rábade Villar no estudo introdutorio que abre o volume.

Ambos sosteñen que esa sensibilidade irase agudizando nos últimos cinco anos da súa vida, precisamente no contexto da publicación das súas obras derradeiras, entre as que se sitúan as dúas pezas que integran esta edición facsimilar: El primer loco e El domingo de Ramos, que comparte uns fíos que as atravesan, din os prologuistas: «Os segredos do mundo vexetal e a súa comprensión comunitaria». En tal sentido, preséntana como unha sorte de adiantada desa corrente hoxe tan en voga da nature writing.

É máis, ela leva o seu compromiso alén do literario e entra no terreo político. Será pouco despois da publicación de El primer loco. Denuncia as cortas do bosque de Conxo «por mandato do arcebispo de Santiago, cardeal Payá y Rico, para venda como madeira e leña e conversión en terras de labor da grande extensión arborada que rodeaba o mosteiro», como recolle o substancioso ensaio de Labrador e Do Cebreiro, que lembran que tamén expresou este desgusto no seu poema Jamás lo olvidaré e, probablemente, en Los Robles. Estas pezas, xunto con algunhas outras de En las orillas del Sar, «exploran dun xeito tan sensible como activo os vínculos entre a utopía política e a vida das almas, dos corpos, das flores, das herbas e das árbores».

As cortas de 1882, anota o limiar, están ademais na orixe da construción do psiquiátrico de Conxo en 1885 —inaugurouse catro anos despois da publicación de El primer loco e quince días antes da morte de Rosalía—. «A tensa negociación histórica entre os poderes civís e eclesiástico ao longo do século XIX, mais tamén a alianza entre capital e Estado —e o xeito no que todos estes combates e treguas podían librarse (ou non) no campo de batalla dunha carballeira— son algúns dos motores da novela El primer loco».

O Banquete de Conxo

Hai que recordar que Rosalía nacera en Conxo, onde, sendo ela moza, nas ribeiras do río Sar, «a comunidade revolucionaria integrada polos obreiros e os estudantes protagonizou o acto de confraternidade coñecido como Banquete de Conxo» (o 2 de marzo de 1856), onde os poetas Eduardo Pondal, Luís Seoane e Aurelio Aguirre, amigos todos tres da escritora, fixeron cadanseu brinde democrático, un fito non só simbólico na cultura política galega. Así, din Labrador e Do Cebreiro, o Conxo de El primer loco «non só é un espazo natural, senón tamén un lugar de memoria, unha paisaxe literaria e política e un ecosistema en transformación». Esta relación está tamén no fondo do interese de Alvarellos en rescatar El primer loco, xa que foi Henrique Alvarellos quen publicou os tres brindes, o libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo —do que en xullo chegou á rúa unha edición ampliada— e tamén quen recuperou a obra poética do propio Aguirre.

«Esta densidade —sinala o estudo introdutorio— fará da novela un texto de historia alternativa, un espello fantasmal onde se proxecta a trama do seu século». Por iso sosteñen os autores que, «se a tradición crítica desta obra a entendeu en relación cos discursos fisiolóxicos e psiquiátricos da época», débense vincular os delirios de Luis «coas mutacións da sociedade da que este se imaxina reformador e coa historia das institucións escollidas para a súa rexeneración».

En canto ao literario, a novela móvese «na tensión entre os modelos estéticos do sublime romántico, do gótico vitoriano, do realismo e do naturalismo, a partir da lectura do conto Berenice de Edgar Allan Poe», apuntan ambos os estudosos, que corroboran así o exposto en Compostela polo profesor e crítico Xan González-Millán no Congreso internacional de estudos sobre Rosalía de Castro no seu tempo. En fin, sobran anovados e vellos motivos para volver sobre El primer loco e sobre Rosalía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Rosalía de Castro, gardiá dos segredos dos bosques e do lugar da memoria