Marina Mayoral: «A misoxinia está presente en toda a literatura universal e aínda perdura»

A autora vén de ser distinguida co premio Voz de liberdade que outorga o Centro PEN de Galicia

A escritora Marina Mayoral
A escritora Marina Mayoral

redacción / la voz

O Centro PEN de Galicia vén de distinguir a traxectoria de Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) co galardón Voz de liberdade, que lle será entregado en novembro.

-Que significa para vostede a concesión deste premio e o seu nome, Voz de liberdade?

-Un premio é sempre unha noticia grata, pero o nome de deste produciume certo calafrío porque inmediatamente pensei nas persoas que por defender a liberdade sufriron o cárcere e mesmo perderon a vida. Eu sentinme afortunada por non ter que pagar un prezo tan alto por ser unha voz libre. Libre no sentido de que nin me vendín nin me deixei comprar. Tanto desde a cátedra, como a través das miñas novelas, os meus artigos e os meus traballos de investigación, dixen sempre o que penso e o que creo xusto, e non sometín o meu traballo ás esixencias do mercado ou de determinados poderes.

-O xurado destacou a súa obra literaria e traxectoria investigadora, citando os seus traballos sobre Rosalía, Pardo Bazán e Valle-Inclán. Como se inflúen entre si esas facetas?

-O que un pensa e sente reflíctese necesariamente na obra de creación. Nas miñas obras hai feminismo porque eu son feminista, como ten que ser hoxe toda persoa, home ou muller, minimamente intelixente. E hai conciencia social porque esa é a miña maneira de ver a vida, aínda que eu non pretendín nunca facer novela feminista ou social. En canto aos autores estudados, a parte de que os escollo polo seu valor literario, no fondo hai sempre unha reivindicación. Empecei a estudar a Rosalía para a tesina, o que hoxe chaman memoria de licenciatura, alá polo ano 1963. Pareceume moi inxusto que houbese tan pouca bibliografía sobre ela, en comparación coa que había sobre Bécquer e non digamos sobre Victor Hugo, Lord Byron ou Hölderlin. E así empezou o meu labor como investigadora.

-Remediouse esa falta?

-Hoxe, por fortuna, iso remediouse. Hai abundante e boa bibliografía, pero aínda a súa difusión exterior é menor do que merece. As súas obras deben estar en todas as universidades do mundo onde se estuda español, non só nas que se estuda galego.

-E Pardo Bazán e Valle?

-Os dous están a ser agora discriminados por non escribir en galego, e os dous son máis galegos que os toxos. Os que criticaron a Dona Emilia no seu tempo facíano porque non se axustaba ás normas do que entón se consideraba que debía ser a literatura feminina. Foi unha adiantada, rompeu barreiras e abriu camiños. Agora é unha das grandes figuras da literatura española, pero é discriminada por certos grupos da sociedade galega por escribir en castelán. E a Valle queren traducilo ao galego. Para que? É lóxico que se traduza Nabokov ao ruso porque moitos rusos non entenden o inglés, lingua na que escribiu as súas mellores obras, pero calquera galego pode ler e entender a Valle, sen necesitar de tradución. A súa obra está impregnada de tradicións e costumes galegas e o seu castelán ten o ritmo e a estrutura do galego. Lembre o vello adagio italiano: traduttore, traditore. No caso de Valle o é dobremente.

-O xurado valorou tamén a súa reivindicación do papel da muller na literatura e na sociedade en xeral. Como se afronta isto dende o eido da creación e as artes?

-A discriminación á muller por ser muller é unha lacra que dura séculos: o desprezo intelectual, a misoxinia, o machismo están presente en toda a literatura universal e aínda perduran. O convencemento da inferioridade intelectual das mulleres, a confinación ao ámbito da casa e a familia consideráronse verdades reveladas por Deus a unha sociedade patriarcal, disposta como máximo a aceptala como «anxo do fogar», pero negándolle toda participación na vida pública e na esfera do intelectual. Eu estou profundamente convencida da inxustiza de tales crenzas, creo hai que chegar a conseguir a igualdade social e ese convencemento é como o aire que respiro, inseparable da miña vida. Comunícase de forma natural a todo o que fago, á miña vida diaria, ás miñas novelas, aos meus traballos de investigación e a docencia, que exercín durante 42 anos.

«Avanzamos moitísimo, pero aínda quedan barreiras e teitos de cristal»

«Aínda no século XIX, en tempos de Pardo Bazán, unha muller non tiña opcións de exercer un traballo. Só podía ser raíña, cómica ou estanquera», lembra Marina Mayoral sobre a situación das mulleres ao longo da historia e ao fío desa valoración do xurado da súa defensa do papel das mulleres na literatura e na sociedade en xeral. «Hoxe avanzamos moitísimo. Pero quedan barreiras, teitos de cristal, en todas partes. Un negro puido chegar a presidente dos Estados Unidos, pero preferiron Trump a Hillary», engade a escritora.

-Vostede é columnista habitual de La Voz: o xurado cita a súa defensa da liberdade de expresión e de opinión, dereitos que seguen a ser máis necesarios ca nunca...

-Os xornais son un soporte efémero, pero tamén unha tribuna desde a cal se chega a moita xente, e se unha é machacona como eu, creo que algo influirá. E na Voz teño liberdade para dicir o que penso.

-Hai algún proxecto literario ou investigador no que estea a traballar?

-Saíu en setembro a miña edición crítica de En las orillas del Sar, posta ao día e moi ampliada, (Clásicos Castalia, Edhasa) e acabo de entregar á editorial a edición de Follas novas, que fago en colaboración coa miña boa amiga Branca Roig (Edicions Xerais). Terminei tamén estes días unha nova novela, que puxen a repousar ata xaneiro. Entón verei se a dou por terminada ou se teño que darlle algunha volta máis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Marina Mayoral: «A misoxinia está presente en toda a literatura universal e aínda perdura»