Ópera contemporánea galega de estrea

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Fernando Buíde, no centro, presentou a ópera
Fernando Buíde, no centro, presentou a ópera PACO RODRÍGUEZ

«A amnesia de Clío», de Fernando Buíde, reunirá a máis de 70 artistas en escena tanto na súa representación en Santiago e A Coruña

30 oct 2019 . Actualizado a las 10:05 h.

O cambio de paradigma que supón a entrada da muller tanto na alta política como no mundo da arte. Ese é o eixo vertebrador da primeira gran ópera galega do século XXI, A amnesia de Clío, do compositor Fernando Buíde. Para a estrea, o día 10 no Auditorio de Galicia en Santiago, as entradas están esgotadas. Dous días despois representarase no Teatro Colón da Coruña. Ademais, poderá escoitarse en versión concerto o día 14 no Auditorio Municipal de Ourense

A Real Filharmonía de Galicia, a soprano Raquel Lojendio, o barítono Sebastià Peris, a mezzosoprano Marina Pardo e o Orfeón Terra A Nosa serán os encargados de interpretar o traballo creado polo compositor Buíde, o dramaturgo Fernando Epelde e a directora escénica Marta Pazos. «Os compositores traballamos de xeito illado pero este é un proxecto coral, tanto desde a parte da produción como da artística. Desde o primeiro momento cociñamos os tres o resultado final», asegurou onte Fernando Buíde, de quen partiu a iniciativa, e que cualificou de «soño cumprido» o poder estrear «o meu proxecto máis grande na miña casa e coa Filharmonía», que estará dirixida por Paul Daniel.

A amnesia de Clío é unha coprodución da compañía Voadora, o Consorcio de Santiago-Real Filharmonía de Galicia, a Xunta de Galicia e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, que contou tamén co apoio económico de administracións e empresas privadas.

«Clío é a musa da historia e na súa icononografía leva unha libro de historia que non escribiu ela, senón un home. En A amnesia de Clío é un cambio de rol, unha recontextualización da sociedade a través da ocupación da musa do lugar que lle corresponde», explicou a directora escénica Marta Pazos. Pola ópera desfilarán persoeiros da historia contemporánea como George Bush ou Ángela Merkel. «Clío es la unión de muchas mujeres», afirma a soprano Raquel Lojendío, unha das máis de 70 artistas que estará en escena.