Belas Artes nomea académica de honra a Elena Colmeiro

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Elena Colmeiro, nunha mostra de pintura do seu pai, no 2018
Elena Colmeiro, nunha mostra de pintura do seu pai, no 2018 miguel souto

A entidade recoñece a súa inventiva e o seu lugar destacado na vangarda da cerámica escultórica

26 oct 2019 . Actualizado a las 16:36 h.

O pleno da Real Academia Galega de Belas Artes acordou este sábado nomear académica de honra a Elena Colmeiro. Nacida en Costela, Silleda, a artista é filla do pintor Manuel Colmeiro e pasou a súa mocidade en Bos Aires, onde en 1954 celebrou a súa primeira exposición. Un ano máis tarde regresou a España e grazas a unha bolsa da Fundación Juan March as súas creacións percorren o mundo en exposicións colectivas. Tamén obtén premios como o primeiro na Bienal de Uruguai en 1966 ou a medalla de ouro en Faenza, Italia, en 1967. A súa obra pode atoparse en numerosos museos de España, Europa e América, e tamén protagonizou exposicións individuais en Vigo ou A Coruña.

A Academia comunicou que Elena Colmeiro «non é exactamente e só, ao modo convencional, unha ceramista, senón unha escultora; unha creadora de formas no espazo, cunha peculiar concepción abstractiva con síntese nas que as referencias se estilizan, modifícanse, renóvanse, para absorberen unha larguísima tradaición na que está toda a escultura do século XX onde a súa gran inventiva púxoa nun lugar destacado da vangarda da cerámica escultórica con recoñecemento internacional».