O Museo do Pobo iniciará a súa ampliación a próxima semana

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Os traballos afectarán á ala sur de San Domingos de Bonaval
Os traballos afectarán á ala sur de San Domingos de Bonaval PACO RODRÍGUEZ

As obras custarán 2,7 millóns e concluirán a finais do 2020

26 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo do Pobo Galego mergullarase a partir do luns en máis dun ano de traballos para a súa ampliación, coa rehabilitación da ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval e coa instalación das novas salas dedicadas á historia de Galicia. Todo coa vista posta no ano 2021 cando, coincidindo co Xacobeo, se abrirán os novos espazos expositivos. Así o anunciou o presidente do Padroado do Museo, Justo Beramendi, durante a sinatura dun convenio coa Consellería de Cultura, que aportará 320.000 euros para impulsar actividades culturais conxuntas.

Os traballos de rehabilitación da ala sur, que contan con un orzamento de máis de 2,7 millóns de euros, non afectarán a actividade habitual do Museo do Pobo. «Todo o que está no edificio conventual vai seguir funcionando, o único é que haberá menos espazos para mostras temporais», afirmou Beramendi. A obra civil da ala sur, que empezará a vindeira semana, «durará ata moi avanzado o 2020 porque é a rehabilitación integral de toda esa parte», e, a instalación das novas salas de historia, non poderá acometerse en gran parte ata que estean rematados eses traballos. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou que a ampliación do museo permitirá «ensinar e amosar a historia de Galicia aos miles de visitantes que xa temos e imos ter no futuro».

A ala sur do conxunto de Bonaval vaise adecuar para acoller novos espazos expositivos, oficinas e para outros usos. A superficie útil resultante será duns 1.600 metros cadrados. As actuacións previstas afectarán as fachadas, ademais das cubertas, que se someterán a unha renovación completa. 

Actividades culturais

Por outra banda, en canto ao acordo de colaboración asinado entre o Museo do Pobo e a Xunta, este ano, segundo indicou Justo Beramendi, incrementou a súa cantidade o que lle permitiu contratar un director profesional para o museo. Ademais, para o vindeiro exercicio volverá a medrar de cara a financiar as novas salas. «O convenio reforza tamén unha programación de actividades culturais e de difusión que están orientadas a mellorar o atractivo das súas instalacións», engadiu o conselleiro, quen recordou que a Xunta se compromete a financiar a metade do custo da nova museografía. Nos orzamentos do ano 2020 hai una partida de 200.000 euros con esta finalidade. «É importante dar este novo salto, un salto de calidade, e tamén de presenza social. Queremos darlle un pulo ao Museo do Pobo polo que significa para Galicia», afirmou Rodríguez, quen lembrou os recoñecementos que acaba de recibir a entidade, entre eles, o Premio Fernández Latorre. O conselleiro engadiu que a intención é apuntalar a zona de Santiago na que se atopa o museo como atractivo turístico e cultural xunto co CGAC, o Panteón de Galegos Ilustres e o parque de Bonaval.