O pequeno vagabundo

antonio méndez / h. j. p. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O cantante ferrolán Roger de Flor
O cantante ferrolán Roger de Flor CESAR TOIMIL

O cantante Roger Arias musica os poemas de William Blake

21 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A escuridade e os tronos apropiáronse dunha noite de verán na vila de Tarquinia, na Toscana italiana. Debaixo dunha pequena ponte, a cuberto da forte treboada, o cantante ferrolán Roger Arias comezou a interactuar cos seus acompañantes: a guitarra e unha antoloxía poética do inglés William Blake, titulada Ver un mundo en un grano de arena. Lendo os versos de The Little vagabond (O pequeno vagabundo), que evocaban a súa situación, Arias reforzou a súa conexión especial co poeta británico, madurecida durante a súa estadía dun mes no norte de Italia. A raíz desta viaxe, o ferrolán musicou 24 poemas de Blake, seleccionando 10 para compor o disco Strange Mystery Flower sing William Blake.

O traballo musical inclúe escritos do poeta como Spring ou Song First by a Shepherd, creando un conxunto de «cinco cancións con banda, e outras cinco que conforman un relato máis íntimo, acústico» no que Arias canta con súa irmá Amparo, conta o artista. Un proxecto levado a cabo sen atrancos: «Sentín que as canción eran como un agasallo, non me requirían un esforzo. Musiquei os poemas dun xeito inmediato e fluído», relata o cantante ferrolán. «Sentía, dalgunha maneira, o beneplácito de William Blake ás melodías que eu estaba a crear», describe. 

Unha experiencia «máxica»

No 2014, nacía o proxecto musical de Arias, Strange Mystery Flower. Cinco anos despois, o pasado 17 de agosto, o cantante ferrolán viaxou xunto coa súa irmá á cidade inglesa de Glastonbury, para participar no festival anual que rende homenaxe á figura de William Blake. Ámbolos dous artistas rememoran a súa actuación como un momento «máxico»: a mística e a espiritualidade dos poemas musicados de Blake contaxiou a tódolos presentes. «Actuamos en The Assembly Rooms of Glastonbury, unha antiga corte para os animais, rehabilitada como un espazo de cultura, e, a pesar dos nervios, sentía como os dedos ían ao sitio e todo fluía», narra o cantante. A resposta por parte do público foi «moi boa» e, ao día seguinte da actuación, a xente parábaos pola rúa para felicitalos.

Aínda que a actividade creativa de Blake desenvolveuse, principalmente, durante o século XVIII, a súa poesía mantense vixente na actualidade. «Blake é un artista atemporal que consegue, a través da sinxeleza, chegar a verdades moi profundas», expón Amparo. «É unha arte verdadeira que atravesa séculos e continúa conmovendo. A pesar de estar influenciado pola poesía pastoral da época, Blake vai máis alá a través do seu imaxinario e a súa visión do mundo», sostén, pola súa parte, Roger. Ademais, os irmáns Arias salientan a presenza da natureza e a conexión desta co ser humano nos escritos do poeta inglés, realidade que definen como «esencial para coñecerse a un mesmo».

«O pequeno rapaz, cheo de gozo», escribe Blake e canta Roger en Spring, unha metáfora que evoca á perfección o que supuxo, para o ferrolán, musicar ao poeta británico.