Un futuro cultural para Galicia

a. s. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Oliver Laxe compartiu as súas experiencias co público
Oliver Laxe compartiu as súas experiencias co público xoan a. soler

Un encontro reúne en Santiago a un milleiro de estudantes de ámbitos artísticos para propiciar intercambios de ideas e aprendizaxes profesionais

19 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe son alumnos de Belas Artes, das escolas de artes aplicadas, no conservatorio ou en centros dedicados ao deseño ou ao audiovisual. Nun futuro non moi distante algúns poderán ser premios Goya, Max, Mestre Mateo ou María Casares. Un milleiro de estudantes de eidos artísticos participaron este venres na Cidade da Cultura no encontro Audacia, presentado como un festival de artes e emprendemento de Galicia, e que continúa este sábado. Encadrada na programación do Xacobeo 21, a cita é unha «aposta polo noso futuro creativo», en palabras de Román Rodríguez, conselleiro de Cultura.

O festival é «unha moi boa oportunidade para xerar ideas, centrar proxectos e tecer relacións entre os protagonistas do noso presente e do noso futuro creativo», detallou o conselleiro. Con este fin, os estudantes puideron intercambiar experiencias e ideas, ao tempo que se lles facilitan exemplos de persoas que grazas á súa creatividade e enxeño xa triunfan nas súas disciplinas. Son casos como Miguelanxo Prado, Oliver Laxe, Janet Novás, Idoia Cuesta, Daniel Canogar, Arturo Álvarez, Carlos Sedes ou Uqui Permui, de cuxas experiencias os futuros creadores poden tirar aprendizaxes valiosas.

A programación de Audacia, con entrada de balde, inclúe charlas e formación express, unha zona expositiva e un escaparate de empresas e emprendedores, ademais de espectáculos artísticos coa énfase posta no risco e a innovación. Neste sentido participa o espectáculo Mercedes mais eu, que reúne á bailarina de danza contemporánea Janet Novás coa compositora e intérprete Mercedes Peón. Un risco que Audacia cre que se debe complementar coa viabilidade económica, de aí o acento no emprendemento.