Mondoñedo, 800 anos de misterio

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios LUGO / LA VOZ

CULTURA

PEPA LOSADA

A catedral comezou a construírse en 1219, aínda que o edificio é máis coñecido por elementos artísticos que se foron incorporando en séculos posteriores

17 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Dise que todas as catedrais medievais encerran o seu misterio, mais ou menos enraizado na vivencia da poboación da que forman parte». Son palabras que escribiu Santos Sancristóbal, cóengo da catedral de Mondoñedo e director do Museo Catedralicio e Diocesano durante anos, nun libro titulado A catedral de Mondoñedo; e do templo mindoniense pódese dicir, sen dúbida, que agacha ese misterio.

O que ve a fachada da catedral dificilmente pode imaxinar, fóra da entrada principal, a orixe románica. Porén, esa foi a súa primeira construción, da que se cumpren agora 800 anos. E non é ese o único misterio: en primeiro lugar, as obras executáronse con certa rapidez, pois o edificio consagrouse en 1246; en segundo, entón estaba á fronte da diocese o bispo don Martiño, o mesmo que a dirixía no comezo dos traballos.

Unha ollada ao exterior do edificio permite apreciar elementos que non son da Idade Media senón de épocas posteriores: no rosetón, de orixe medieval e situado sobre a entrada principal, puxéronse os vidros policromandos no século XVI, e as torres son do XVIII. Non é un fenómeno exclusivo de Mondoñedo -a fachada do Obradoiro da catedral de Santiago, por exemplo, construiuse case 600 anos despois ca o pórtico da Gloria-, pero adquire neste caso trazos propios: Enrique Cal Pardo, arquiveiro catedralicio mindoniense durante moitos anos, escribiu que se a cidade é coma un berce, a catedral resulta semellante a un ser vivo, sempre nacendo e sempre perfeccionándose.

Se a sucesión de estilos superpostos sobre o orixinal dá un aire de misterio ao edificio, misteriosos ou cando menos curiosos son as décadas anteriores á construción. A diocese trasladouse de San Martiño de Mondoñedo -a poucos quilómetros do Cantábrico, no actual concello de Foz- ao seu actual emprazamento a comezos do século XII. Aínda a beiramar volveu ser sede episcopal, pois o bispado tivo como centro Ribadeo durante uns vinte anos, entre finais do XII e comezos do XIII.

O que entra na catedral na mañá e na tarde dun mesmo día goza dun privilexio na nave central que pode resultar misterioso: a luz de antes do mediodía non é a mesma ca a do solpor, se ben realmente non hai tal misterio senón consecuencia do paso da luz polos vidros do rosetón. As pinturas murais (século XV), a sacristía (finais do século XVI e comezos do XVII) ou o retábulo do altar maior (século XVIII) amosan que o edificio foi enriquecéndose case século a século, o cal pode entenderse tamén como un indubidable atractivo.

O xa citado Santos Sancristóbal afirma que o encanto das catedrais consiste en que teñen arte de todas as épocas conservando as liñas da súa estrutura. Nestes últimos anos, ademais, todas esas épocas están ao alcance do visitante cun servizo de audioguías. Así pódese coñecer mellor a historia do edificio que, segundo o historiador Cal Pardo, «se ergue coma un xigante no centro da cidade».

Unha imaxe de Inglaterra nun templo que é patrimonio da humanidade

 Entre as imaxes máis coñecidas da catedral atópase unha que non foi construída para expoñerse en Mondoñedo. Trátase dunha figura de Santa María que chegou no século XVI procedente dun mosteiro de Xubia, a onde fora parar tras ser traída ao porto de Ferrol por uns ingleses. Pode verse nunha capela lateral e é coñecida popularmente como Virxe Inglesa.

Tamén é coñecido o feito de que a catedral foi declarada monumento nacional en 1902. Cal Pardo explica que acadou esa declaración por iniciativa de Avelino Montero Villegas, deputado por Mondoñedo durante varias lexislaturas a comezos do século XX. Narciso Peinado, na obra Guía monumental e artística da provincia de Lugo, escribe que esa declaración, con data do 23 de maio de 1902, foi o primeiro decreto asinado polo rei Afonso XIII tras chegar ao trono.

Montero Villegas é lembrado na catedral cunha placa que recolle unha mensaxe de gratitude polas súas xestións a prol de melloras no edificio. Poucos metros máis adiante hai outra, que lembra a declaración de patriomonio da humanidade acadada pola catedral e polo Camiño Norte hai catro anos. Unha terceira, colocada no claustro, indica unha visita feita en 1964 por Angelo Roncalli, patriarca de Venecia; anos despois, como papa Xoán XXIII, concedeulle á catedral o título de basílica.

Ao longo do século pasado, coma nos comezos deste, na catedral realizárose diversas reformas. Os trazos principais edifico seguen a ser visibles, como tamén se conserva unha característica anotada polo historiador Cal Pardo: a catedral destaca, con todo o seu esplendor, entre as construccións que a rodean.

Actos de celebración este sábado

 Para este sábado están programados, en Mondoñedo, actividades de celebración dos 800 anos da catedral. En primeiro lugar, ás once e media da mañá, ten lugar un acto institucional, con autoridades relixiosas e civís; despois hai unha misa. De todos os xeitos, trátase só do comezo, pois logo celebrarase un ciclo de conferencias sobre a construción da catedral e montarase unha exposición itinerante por diversos lugares da diocese de Mondoñedo-Ferrol.