Ortiga: «Rexeito a superioridade moral sobre os movementos musicais latinos ou de bailar»

O Chicho do Funk lanza «Chicho & sus chichas» co seu novo proxecto, un disco no que se achega dende a electrónica a xéneros como o merengue

ORTIGA
ORTIGA

redacción

Mañá sae á venda Chicho & sus chichas, o debut de Ortiga, novo proxecto de O Chico do Funk. Coa súa anterior banda, Esteban & Manuel, logrou que a cumbia e o merengue entrasen nos festivais aderezados de autotune. «Ortiga pode ter relación con aquilo porque fago sons bastante próximos, pero agora a produción é o triplo de electrónica. Esteban & Manuel podía ter uns toques roqueiros; aquí xa é electrónica deliberadamente», explica. 

-É dicir, que no de «electrocumbia» hai que facer fincapé na parte «electro».

-Si, e ao mellor case apartar o de cumbia. Hai algunha cumbia, como Pistolero. Agora, máis que nada, fago merengue e mambo. Mola moito. Con Esteban & Manuel faciamos cousas dos cincuenta, sesenta e setenta, e agora eu fago unhas movidas como dos noventa e os dous mil.

-Móvese nos festivais «indies» cunha proposta bastante oposta ao que normalmente pide ese público. Non se sente raro?

-Eu son consciente de que o circuíto no que me movo non é o que me corresponde por son. Pero iso fai que cando vaia a un sitio sexa o máis distinto. A xente, comigo, queda. Vas a un festival e a xente di: «Buah, a min Ortiga encantoume». E outro: «A min paréceme unha bazofia». Van falar de min, porque eu son o máis tolo de todos.

-Cal sería ese circuíto no que debería estar?

-Hai circuítos de música latina con bandas de cumbia, que se centran nun terreo más folclórico. Pero como eu non fago cumbia orgánica, senón que lle meto electrónica e o meu toque de Santiago, tampouco entro.

-Queda entonces en terra de ninguén.

-Claro, pero iso é guai.

-De onde vén o gusto por ese tipo de música?

-O movemento da feira en Galicia é moi potente. Quen máis quen menos todo o mundo vai ás orquestras no verán. Todo o mundo baila con súa tía e o pasa xenial no campo da festa. E parece que só vale iso cando é a festa do patrón da túa vila. A min iso é o que máis graza me fai para pasalo ben. Hai xente que pensa que isto é unha porcallada e pódoo entender, pero pásoo tan guai que me dá igual.

-Logra que os modernos saian do armario nos seus concertos, bailando merengue sen vergonza?

-Totalmente. Hai algo superxeralizado que rexeito, que é a superioridade moral sobre os movementos musicais latinos ou de bailar. A xente di: «El reguetón es una porquería». Eu digo: «Lo que es una porquería es la mentalidad que tienes tú». Non me meto con ninguén pero escoito a música coa que o paso ben. Hai xente que pensa que este tipo de música é de xente coa intelixencia case xusta. Tocar a guitarra non te fai más intelixente que programar unha batería nun ordenador. Estase vendo a nivel global. Nos noventa a xente que ganaba premios Grammy eran Metallica e Iron Maiden, e agora son Ozuna. Eu creo que está ben, porque a min Metallica mólame que flipas, pero tamén me mola Ozuna e non considero que Metallica sexan mellor que Ozuna.

-Por que pensa que se mira ao latino con ese desdén?

-Hai un compoñente racista aí. Por exemplo, Ed Sheeran ten Shape Of You dicindo «I’m in love with your body» e tal; se a canta un tipo de Venezuela co seu acento, que lle pertence e mola, igual sería un machista. Se un dixera [pon acento venezolano] «me gusta tu cuerpo, me gusta tu figura» dirían que denigra e tal. Pero se o fan en inglés é un erudito. É que non ten sentido.

-O machismo é unha coartada para desprezar o latino?

-O meu compañeiro de Bonyanka Kostova dixo unha vez: «Os xéneros non son machistas. O que son machistas son as persoas». E iso é verdade. Por exemplo, Ana Kiro tiña unha canción na que dicía: «De casadiña de tres días xa levaches unha tunda». Iso sí que machismo e non dicir «yo por ti tú por mí».

-Vai só en directo?

-Si, máis que nada polo inmediato do asunto. Sempre tiven bandas con moitas persoas e mola moito, pero non sempre a xente quere ou pode estar a tope para dedicarse exclusivamente á música. A única maneira de facelo sen depender de ninguén para avanzar é esta.

-Insiste no tema de vivir da música. Esta concepción profesional vén de ter referentes profesionais? No tema das orquestras, por exemplo, ninguén se propón facer música como unha afección de fin de semana.

-Claro. A min paréceme guai que cada un tome a música como queira, pero eu quero vivir de tocar. Parece que é imposible, pero eu levo así dous anos, así que tan imposible non será. É a miña principal motivación. Facer cancións coas miñas cousas e que me dean cartos por elas. Por iso o tema estilístico me dá un pouco igual. Ao final é música. Con Esteban & Manuel viviamos máis ou menos dignamente. É complicado e, xa que metín a puntiña do pé, considerei que necesitaba algo mais para meter o pé enteiro, a perna e todo. Eu non son músico e camareiro, senón só músico. Entón o que teño que facer é música.

-Gustaríalle ter unha banda?

-Mmmm... Gustaríame, pero non me gustaría que, por iso, perdera de tocar só. A música, tal e como eu a entendo, é un medio para ser feliz. Se me ofrecen un concerto e polas condicións técnicas encaixa unha banda gustaríame. Pero se me chaman dun bar e teño que ir en solitario tamén. Eu son como esa xente que di: «Yo al fútbol juego de todo, de portero si hace falta». Eu penso o mesmo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Tags
Comentarios

Ortiga: «Rexeito a superioridade moral sobre os movementos musicais latinos ou de bailar»