A biblia xudía Kennicott volve a Galicia despois de máis de 500 anos de exilio

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

ÓSCAR CORRAL

O libro, un dos máis importantes do medievo, formará parte da primeira grande exposición do Xacobeo 2021

16 oct 2019 . Actualizado a las 00:55 h.

A biblia xudía Kennicott regresa de forma temporal a Galicia despois de máis de 500 anos de exilio para formar parte do proxecto Galicia, un relato no mundo, a primeira grande exposición internacional do Xacobeo 2021 que se inaugurará no Gaiás o vindeiro 14 de novembro. A Kennicott, unha das biblias xudías máis valiosas do mundo, foi elaborada na Coruña no século XV e a súa exhibición «contribúe a facer visible unha importante parte do noso pasado, que se mantivo durante séculos na memoria popular e que hoxe segue a ser reivindicado en vilas e cidades de todo o país», sinalou o comisario da mostra, Manuel Gago.

Das mans do escriba Moshe Ibn Zabarah -que, para embelecer o texto, contratou á súa vez ao artista iluminador Joseph Ibn Hayyim, un dos máis reputados da súa época-, a elaboración da biblia Kennicott concluíu na Coruña o 24 de xullo de 1476, atendendo o encargo dun relevante comerciante da cidade, de orixe portuguesa, Salomón de Braga, quen quería agasallar ao seu fillo Isaac, grande admirador da biblia de Cervera (1300), hoxe conservada no Museo Nacional de Lisboa. Tempo despois, arredor de 1493, Isaac e a súa familia víronse na obriga de marchar de Galicia por mor do edicto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos, e parece moi probable que levaran a biblia a canda eles (custodiada nunha caixa baixo chave para o seu traslado).

Crese que o libro realizou unha azarosa viaxe por Portugal, o norte de África e Xibraltar e durante trescentos anos permaneceu desaparecido. En 1771, o hebraísta inglés Benjamin Kennicott, cóengo da Igrexa de Cristo de Oxford e responsable da Biblioteca Radcliffe da universidade oxoniense, xestionou a súa adquisición para os fondos da institución. En 1872 a biblia sería transferida ás bibliotecas Bodleian, na mesma universidade. Na respectada opinión do historiador hebreo Cecil Roth, a biblia Kennicott é «a obra mestra da arte medieval hispanoxudaica». Moi coñecida, por certo, é a ilustración de Xonás e a balea.

O director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo, confirmou onte o acordo coas oxonienses Bibliotecas Bodleian (propietarias da obra) para lograr que este manuscrito, a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia na Baixa Idade Media e «unha das obras cume da ilustración medieval, ademais dun dos manuscritos hebreos máis valiosos e fermosos do mundo», retorne temporalmente á comunidade. Durante o anuncio, Lorenzo asegurou que esta é a peza que «probablemente mellor reflicte o obxecto da exposición: amosar obras que resultan esenciais para a historia e a identidade de Galicia, algunhas delas nunca antes exhibidas na nosa comunidade». Será parte destacada dunha mostra, di, que expresa perfectamente o carácter multicultural e interrelixioso do Xacobeo 2021, xa que na mesma exposición poderanse ver a carón da Kennicott dúas versións do Códice Calixtino: os Liber Sancti Iacobi da Biblioteca Apostólica Vaticana e da Biblioteca General Histórica de Salamanca.

Convivencia no século XV

Gago lembrou que a Kennicott é un «magnífico expoñente da confluencia artística na España do século XV das tradicións artísticas musulmás, hebreas e cristiás», segundo a análise da académica inglesa Mary Beard, premio Princesa de Asturias de Ciencias Sociais e catedrática na Universidade de Cambridge. No seu libro A civilización na mirada refírese a este libro como «unha biblia repleta de fascinantes ilustracións [...], xurdida nun breve período na historia de España do século XV no que as tradicións artísticas xudías, musulmás e cristiás converxeron de forma especialmente produtiva».

Na presentación pública da peza, no Arquivo Histórico do Reino de Galicia, o vicepresidente da Fundación Hispanojudía, Alberto Ruiz-Gallardón, agradeceu á Xunta e ás Bibliotecas Bodleian o acordo para que «unha obra de enorme valor para a comunidade hebrea sexa incorporada a esta exposición, dándolle así visibilidade ao relevante papel da cultura xudía na historia de Galicia».