Gonzalo Hermo gaña a 13.ª edición do premio de narrativa breve Repsol

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987)
O escritor Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) PACO RODRÍGUEZ

O poeta de Rianxo impúxose coa súa obra «Diario dun enterro», unha novela que, explica o xurado, «afonda nun tema universal como son os rituais da morte»

25 sep 2019 . Actualizado a las 18:31 h.

O poeta de Taragoña (Rianxo) impúxose na 13.ª edición do premio de narrativa breve Repsol coa súa obra Diario dun enterro, segundo deu a coñecer este mércores na Coruña a portavoz do xurado, Berta Dávila. O fallo enxalza «a sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela», un traballo que, engade, «afonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares». Hermo debuxa no seu relato «un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe». O galardón comprende unha dotación económica de 12.000 euros e a publicación da obra por Editorial Galaxia.

Dende Barcelona, onde traballa como autónomo no sector editorial, Hermo confirmou as impresións do xurado. «Levaba moito tempo intentando escribir narrativa», afirma. «Creo nos xéneros literarios e penso que hai historias que se axeitan mellor ás pautas e códigos de cada xénero. Neste sentido, había unha historia que sentía que non podía contar dende a poesía», engade.

Esa historia bebe da propia experiencia barcelonesa do autor, xa que, en esencia, é unha narración sobre «as distancias: as físicas e tamén as que hai entre as persoas». Tamén é a experiencia de quen vive dacabalo entre dous mundos, no que moitas veces se atopa dunha banda ou da outra. O detonante é a nova da morte do avó do protagonista, quen emprende unha viaxe de catro días que o volve achegar á súa familia e a Galicia, onde vive o velorio, o funeral e, por último, o regreso. A xeito de diario, e con orde cronolóxica, Hermo casa na narración esa intersección do íntimo e do familiar que propician os enterramentos, xunto cunha dimensión colectiva, a desa nova emigración de mozos que marchan —«Galicia sigue a expulsar xente»— e na que o escritor quería explorar as semellanzas e diferenzas coas peripecias dos seus devanceiros tamén emigrados.

O autor tamén confirma esa aposta pola depuración que subliñou o xurado. Hermo buscou a sinxeleza estrutural e estilística co obxectivo de non rematar cunha «novela de poeta, para entendernos». É dicir, foi un exercicio de contención e de edición. 

Diario dun enterro releva no galardón a Extraordinario, peza do escritor monfortino Antón Lopo. O premio está promovido pola Fundación Repsol, en colaboración coa Consellería de Cultura, «co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento da literatura galega». O director da refinería de Repsol, Javier Sancho, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, felicitaron ao gañador e congratuláronse da consolidación do premio, con preto de catrocentas obras presentadas en todas as súas edicións. 

O importe do premio inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición en galego de hasta un máximo de 1.500 exemplares do texto gañador. Estes dereitos corresponderán en exclusiva á Fundación Repsol. A novela premiada será publicada pola Editorial Galaxia.

Hermo é licenciado en Filoloxía Galega e doutor en Lingüística pola Universidade de Santiago. Nos últimos tempos exerceu como profesor asociado da Universitat Autònoma de Barcelona. Publicou libros de poesía como Crac (Barbantesa, 2011); Celebración (Apiario, 2014), traducido ao catalán (Godall, 2016) e ao castelán (La Bella Varsovia, 2017); e A vida salvaxe (Centro PEN Galicia, 2018), que recibiu o premio de poesía Afundación.

Recibiu ademais os premios Xuventude Crea da Xunta no 2010, o Premio da Crítica Galega no 2015 e o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova Miguel Hernández no 2015. Exerceu puntualmente a crítica literaria para diferentes medios e a tradución de poesía galega contemporánea. É membro fundador da editora-libraría-espazo de creación Chan da Pólvora, con sede en Compostela.