Unha ollada á esencia do entroido

antonio méndez / h. j. p. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Un mozo posa cun disfrace tradicional do entroido, pertencente ao libro «Encarnados»
Un mozo posa cun disfrace tradicional do entroido, pertencente ao libro «Encarnados»

O artista ourensán Tono Arias reúne en tres fotolibros e unha colección de postais o seu amor polo carnaval, tras máis dun decenio de traballo fotográfico

02 sep 2019 . Actualizado a las 16:38 h.

«Que será que cando chega, cunha ledicia sen par, a xente tápase a cara e logo ponse a bailar», di a adiviñanza. O fotógrafo Tono Arias (Allariz, 1965) non dubidaría: o entroido. Nos anos 80, comezou en Ourense a traballar na prensa e tocoulle cubrir esta festividade. A partir dese momento, Arias sería un asiduo do carnaval. O seu amor e interese polo entroido levouno a que, no 2006, comezase a desenvolver un proxecto fotográfico arredor del. Máis dun decenio despois, o labor deu os seus froitos: tres fotolibros editados polo selo Dispara (Encarnados 2006-2019, DesXeo e Preto) e unha colección de postais das máscaras tradicionais de cada lugar.

A faciana dun home fotografado durante o «Fareleiro», aparecido no traballo «DesXeo»
A faciana dun home fotografado durante o «Fareleiro», aparecido no traballo «DesXeo» Tono Arias

Encarnados xoga coa cor e coa forma para crear, mediante as imaxes, «un diálogo, achegándose ao que sería un haiku xaponés, un pequeno poema visual», describe o fotógrafo. Pola súa parte, DesXeo afonda na tradición coñecida como fareleiro, unha batalla na que a fariña é a principal protagonista. «Cando un acode á fariñada, parece que se reconstrúe, limpa e purifica. Comeza un novo ano. A fariña recorre os corpos e desconxélaos, dálles calor. De aí o título», explica Arias.

Ámbolos dous libros foron seleccionados para o certame Athenas Photobook Festival deste ano. Ademais, DesXeo estivo presente no festival francés de Arlés, «o Cannes da fotografía», como enxalza o autor.

En Preto, Arias achégase ao ámbito rural e reflexiona sobre a identidade. «O entroido pertence ao medio rural: o que pasa na cociña, na corte ou nas palleiras, entre catro ou cinco persoas nesta contorna, iso é o carnaval», incide. Algunhas das fotografías desta obra mesturan «paisaxes das aldeas con fotos nocturnas, completamente baleiras, co fin de visibilizar o decorado que comeza a caracterizar as áreas rurais: o despoboamento», subliña Arias.  

O entroido como ficción

A grande estrela do entroido, o disfrace, alcanza unha dimensión especial na entrega titulada Preto. O creador allarizao, a través de retratos, intenta «amosar un personaxe que vive unha experiencia, unha ficción. Na provincia de Ourense, por exemplo, isto interiorízase moito e, durante unha semana, os veciños convértense nun personaxe e, ata que remata o entroido, viven ese persoeiro», relata. Os tres fotolibros son unha clara ollada á esencia do entroido.

Un mozo posa cun disfrace tradicional do entroido, pertencente ao libro «Encarnados»
Un mozo posa cun disfrace tradicional do entroido, pertencente ao libro «Encarnados»

O proxecto, que lle ocupou máis dun decenio, está caracterizado polo «repouso» e a reflexión, latentes no longo proceso creativo. Unha experiencia, conta Arias, que foi posible grazas á hospitalidade e a amabilidade da xente durante esta festividade.

Xa o di o popular refrán: «No carnaval, nada senta mal».