A música de Valle


Se por algún estraño azar alguén me pedise recomendación dunha obra de Valle, raramente diría La Marquesa Rosalinda, aínda que creo que calquera escritor de teatro citable daría algunha das súas mellores pezas por ser el o autor. Imaxino que, diante da cuestión, tiraría dos clásicos, ou falaría de que Jardín Umbrío supuxo abrir unha porta e deixar entrar luz -que paradoxo!- para un pequeno de quince anos a quen lle caeu nas mans. Probablemente aproveitase para dar un discurso sobre como, por medio do mestre Roberto Vidal Bolaño, Luces de Bohemia chegou ás nosas artes coa súa extraordinaria Doentes. Ou faría publicidade desa Luces de Bohemia do século XXI que é Ud. No Está Aquí de Fernando Epelde, un de Ourense que non farta de gañar premios e sementar xenialidades por múltiples campos das artes; entre elas, Ummo e Gato, os Max Estrella e Don Latino que protagonizan a delirante e lediciosa road movie por Madrid que é Ud. No Está Aquí. Se cadra, aproveitando a pregunta, presumiría de ter pasado sete horas sentado no teatro Rosalía da Coruña, a finais do século pasado, para admirar as Comedias Bárbaras que trouxera o Centro Dramático Nacional.

Pero tamén tiven a sorte de poder ver posta en escena, hai dous ou tres anos, unha versión de La Marquesa Rosalinda a cargo da Aula de Teatro da Universidade Carlos III de Madrid. Era un espectáculo musical e brillante, como moitos dos das nosas ignoradas Aulas de Teatro Universitarias. Puiden aí decatarme do ben que soaban aqueles versos que eu xa lera e recordar como, nunha intervención de Arlequín na primeira xornada da peza, descubrira que Valle era capaz de, escribindo en correcto castellano en verso, facernos oír a música do italiano. Proben: lean en voz alta ese treito. Alucinante.

Os xenios teñen estas cousas: cun idioma falan outro, escriben case sen querer un cume do modernismo como Jardín Umbrío, fan Luces de Bohemia -case nada- e, para rematar, divírtense cunha farsa cortesana na que, ademais de apuntar ás desigualdades, entreteñen á asistencia co ritmo e a musicalidade do idioma. Porque esa é tamén unha obsesión de Valle: o son das linguas.

Hai anos, no catálogo dunha exposición que a USC fixo sobre el, tiven a oportunidade de ler unha súa louvanza do Mar i cel de Guimerá en catalán en contraste cunha versión traducida á que asistira previamente; Valle tamén resaltaba a importancia diálogo no teatro francés ou aludía ó «bretemoso teatro do Norte». Porque «o teatro é o menos universal que existe, cada país ten o seu», afirmaba. E dicía tamén: «as letras españolas son o teatro», e logo mencionaba a Calderón, Lope e Tirso canda un solitario Cervantes. E, xa para rematar: «en España as cousas expresámolas a berros, só a berros». Un visionario, Don Ramón. Ese catálogo, o terceiro volume, serve para decatarse do amplísimo coñecemento que demostra sobre o teatro ou da agudeza das súas análises de múltiples aspectos das artes e da vida. Pero, ó que ía: Valle entende que o teatro ten que soar, e di que «unha lingua cando é bela e nobre de veras é cando soa».

Lean La Marquesa Rosalinda; lean versos, sempre; lean en voz alta; e vaian ó teatro. Aparten un pouco do berro e do papel pintado ata o fin da liña. Entre outras cousas, Valle -como Epelde ou calquera outro emigrante dos nosos- levou para Madrid a cabeza chea dunha peculiar música. Aquí a teñen.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A música de Valle