A fotografía que afonda nas marxes

Antonio Méndez / H. J. P. LA VOZ

CULTURA

Andrés Baltar

O último proxecto do artista Andrés Baltar visibiliza a parte da sociedade que non acostuma ser escoitada

13 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo indie Vetusta Morla canta na súa famosa Copenhague que procurar o azar é un acto axeitado: «Dejarse llevar suena demasiado bien». Así mesmo, o aspecto azaroso forma parte do proceso creativo do fotógrafo lugués Andrés Baltar Regueira, quen toma as imaxes sen ideas preconcibidas ou pechas e asume que «a sorpresa forma parte da vida».

Con este pensamento, o artista de Taboada viaxou á urbe de Tirana, en Albania, onde se interesou por fotografar «á xente da rúa que non adoita ter voz», conta. Isto é, a realidade que vive «agochada» nas cidades e na que se constrúe un mundo marxinal e duro. O resultado: Cidade Muda, un proxecto fotográfico vertido nunha peza audiovisual con máis de 300 fotos, gravacións sonoras e entrevistas. Ademais, 23 destas imaxes veñen de expoñerse na Sala Fotográfica de Sargadelos en Vigo.

Influenciado polos documentais fotográficos de Chris Marker, este mozo de 22 anos optou pola vertente audiovisual debido a que é «un bo vehículo» para amosar a «gran cantidade de imaxes e sensacións» que experimentou en Tirana, chegando a sentirse «sobrepasado». Baltar achou unha gran axuda nos habitantes albaneses, xa que «a apertura cos estranxeiros, e a falta de desconfianza ante a cámara, permitiume afondar no seu día a día», explica o fotógrafo.

Por outra parte, as súas vivencias en Tirana provocaron o florecemento dunha nova inquedanza: evocar en Galicia a mesma idea que desenvolveu no estranxeiro. Neste senso, Baltar explica que este proxecto, xa rematado, resultou «máis duro» porque, en Galicia, a parte «máis marxinal e dura» está «máis agochada que en Albania», narra.

Ámbolos dous traballos fotográficos presentan, en gran medida, imaxes escuras debido ao interese, por parte de Baltar, en amosar a «escuridade interior que albergan as persoas sometidas a unha serie de problemas e dificultades, interiorizada porque teñen que soportar situacións duras», expón. Ademais, considera que os dous proxectos «combinan bastante ben» xa que «o que non ten un, teno o outro e viceversa».

Baltar navega polas beiras da sociedade para outorgarlle voz aos que non adoitan tela, alcanzando, deste xeito, a súa propia, nun contacto continuo co mundo que o rodea.