Jazz nas dúas bandas da ría

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O trompetista cubano Carlos Sarduy
O trompetista cubano Carlos Sarduy Jorge Guiro

O festival de Moaña, o de Ferrol e Mugardos, e o de Cangas programan artistas galegos e tamén internacionais

12 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A ría é en Galicia unha invitación á música. Só hai que ver a festa que comeza esta semana nas de Ferrol e Vigo. Co jazz soando a todo trapo. Este martes e mércores abre rolda o festival de Moaña, que alcanza a súa terceira edición. As dúas bandas da ría ferrolá, en Ferrol e Mugardos, tamén na súa terceira entrega, tomarán o testemuño o venres próximo. O mesmo domingo, na súa última xornada, solaparase co inicio do certame de Cangas (Canjazz), unha das citas con máis tradición do país -xa que cumpre corenta anos- e que conclúe o mércores 21.

Os tres festivais apostan nos seus carteis por promover aos artistas galegos, pero non escatiman o seu esforzo por atraer músicos e formacións de alto nivel tanto no ámbito español como na escena internacional.

En Moaña, na arboreda da Xunqueira, poderanse escoitar figuras de talle mundial como o trío do guitarrista estadounidense Kurt Rosenwinkel -co seu compatriota o baterista Greg Hutchinson- e o pianista de Boston Michael Kanan. Estes nomes, explica a organización, mestúranse con músicos nacionais como Mayte Alguacil e Jorge Rossy e cos galegos Xan Campos e Iago Fernández. O encargado da apertura é o quinteto André Carvalho Group, mañá ás 21.30 horas, unha formación a cabalo entre New York e Portugal liderada polo contrabaixista luso André Carvalho. O seguirá o Kurt Rosenwinkel Standards Trio, que subirá ás táboas ás 22.45 horas. Apoiado por Alex Claffy no contrabaixo e Hutchinson á batería.

O mércores será para o trío do pianista galego Xan Campos (21.30) e o cuarteto da vocalista Mayte Alguacil (22.45), acompañada polo sólido grupo que integran Michael Kanan, Horacio Fumero e Jordi Rossy.

Xa na ría ferrolá, en lugares tan emblemáticos como o Cantón de Cora e o Campo do Río, no Seixo, ambos en Mugardos, e na praza Vella de Ferrol, repartiranse as actuacións dos tríos do pianista Manuel Gutiérrez e do guitarrista manouche David Regueiro, o Carlos Sarduy Afrocuban Jazz Quartet, o Xacobe Martínez Antelo Trío e o quinteto do guitarrista Marcos Teira NÓs.

A partir do domingo 18 comeza o Canjazz, que programa jam sessions, obradoiros e masterclasses, cun cartel no que brilla con luz propia o Abe Rábade Trío.