Morriña

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

13 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega no seu dicionario define a morriña como un «sentimento ou estado de ánimo melancólico e depresivo causado en particular pola nostalxia da terra». Semella ser algo moi noso, aínda que eu creo que isto pásalle ou sénteo todo o mundo sexa do lugar que sexa, podendo ser que nós, as galegas e os galegos, o manifestemos dun xeito particular.

Aínda teño lembranzas de meu irmán chorando uns días antes de ter que marchar a Suíza ou a México, miña nai consolándoo e eu sen saber moi ben que facer ou onde meterme pola mágoa e a tristura que sentía. O drama da emigración sacudiu Galicia dunha maneira tráxica, e esa é unha marca que levamos a lume nas nosas almas.

Por circunstancias eu nunca tiven que emigrar e non sentín dunha maneira tan dura ese desacougo, pero aínda non sendo emigrante o feito de viaxar con frecuencia créame un sentimento que intúo que ten algo que ver co que podía sentir meu irmán ou co que pode ser ese aqueloutramento chamado morriña. Un ou dous días antes de emprender calquera viaxe sempre teño un formigo de tristura no corpo que me fai pensar de se iso que estou a sentir pode estar relacionado con este sentimento tan interior atribuído ao noso pobo.

O caso é que me custa arrancar e dar os primeiros pasos, aínda que unha vez metido na viaxe o desacougo vai máis ou menos desaparecendo. Moitas veces téñome preguntado a que se pode deber este sentir, pero non atopei grandes respostas que me acaben de convencer. Podería tratarse de algo químico que nos afecta directamente polas vías respiratorias, tipo gas radon, como apunta algún estudo ao respecto? Pois non o sei, aínda que onde eu vivo está considerada unha zona de grande exposición a este gas.

Eu quixera pensar que é máis un sentimento de apego ás raíces e á terra ca outra cousa. Quizais sexa a conxunción de varios factores, pero sempre me chamou a atención esta forma de percibir que nada ten que ver coa saudade coa que tantas veces se confunde. Namentres que o matino, vou rematar de preparar a maleta.