Miguelanxo Prado: «Moitos descubrirán novos autores nesta edición»

F.M. A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

KOPA

O director do Viñetas asegura que o cómic «está vivindo un período de transición no que se está redifinir todo»

06 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Miguelanxo Prado volve a ocuparse da dirección do Viñetas nesta edición, que, tal e como afirma o propio autor, servirá para que «moitos descubran novos autores».

-Quedou un Viñetas algo arriscado, ou alternativo.

-Poderiamos chamalo así, pero por outra banda tamén son bazas seguras, así que de arriscado nada. Son autores e obras que, sen estar nun primeiro momento na primeira liña dos medios de comunicación e da promoción editorial, van abrindo camiños e amosan posturas afastadas da avenida central pola que vai gran parte da produción editorial que marca o futuro do cómic.

-É o caso de Isabel Greenberg, unha das convidadas a Viñetas.

-A súa posición de partida foi, de feito, moi indie, ou incluso marxinal nas súas propostas, poderiamos dicir. Moi peculiar, xa que escolle unha temática épica con personaxes femininas, pero optando por unha estética que se afasta moitísimo dos canons que coñecemos das aventuras deste estilo, lonxe do debuxo académico e realista ao que estamos afeitos para optar por un moito máis expresionista. Unha aposta contracorrente que en pouco tempo tivo o recoñecemento primeiro da crítica e despois do público, para converterse nunha autora de primeira liña, pero partindo desas posición laterais, alternativas.

-Ou tamén o caso de Albert Monteys, a quen relacionabamos co humor polos seus traballos en «El jueves» e que acaba de sacar un dos mellores álbums de ciencia ficción dos últimos anos: «¡Universo!».

-Os que coñeciamos a Albert xa dende había tempo sabiamos que tiña moi variadas inquedanzas, pero é que un medio como o que citas marca moitísimo de cara ao público. Así que cando aparece unha obra coma esta resulta máis que sorprendente.

-Un cómic ademais que primeiro se editou en Internet.

-Estamos vivindo un período de transición no que se está a redefinir todo, desde as posturas dos creadores ao funcionamento editorial ou os soportes polos que chega ao lector. Hai plataformas que están funcionando ben, pero outras non tanto. O que é certo é que con frecuencia terminan xerando a necesidade no lector que o ve en pantalla de telo en papel.

-¿Cambiarán as exposicións de Viñetas desde o Atlántico os orixinais en papel por pantallas?

-[Ri]. Algún ano xa coqueteamos cunha idea semellante. Chegará ese momento; veremos o que pasa nos próximos anos.