Cunqueiro en San Martiño

CULTURA

02 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi unha mágoa que ninguén gravase -porque coido que non a gravou ninguén- a intervención pública de Álvaro Cunqueiro ante a basílica de San Martiño de Mondoñedo (Foz) o 11 de novembro de 1966. Foi unha mágoa porque as palabras máxicas de Cunqueiro seica estiveron á altura da beleza do que tiña arredor e que motivou a súa brillante alocución, feita coa orixinalidade poética que nel era habitual.

Suso Fernández, cronista oficial de Foz, foi testemuña do acto e soubo dar conta del. Seica se trataba de festexar o remate parcial das obras de conservación e restauración que, desde un ano antes, se viñan facendo alí, impulsadas pola Dirección Xeral de Belas Artes, baixo a responsabilidade técnica do arqueólogo e profesor da USC Manuel Chamoso Lamas. Alí concentráronse aquel día de 1966 autoridades, xente do mundo da cultura e moita veciñanza entre o público. E alí foi, na fermosa praciña da Fonte da Zapata, onde o luminoso escritor de Mondoñedo puxo en pé un verdadeiro canto poético sobre o valor histórico e artístico do templo.

Suso Fernández lembra aínda frases e metáforas que oíu aquel día, cando Cunqueiro, acariñando coa súa ollada as pedras convertidas en imaxes, aseguraba que parecían «labradas por mans imposibles», e engadía que alí se facía verdade a frase do británico John Ruskin segundo a que «nas catedrais os anxos poñían unha man nunha voluta ou nun capitel, para expresar de modo admirable algún misterio». Quizais tamén aquí -dixo don Álvaro- «anxos cantores deron lección aos que labraron este templo».

Se Cunqueiro levantase hoxe a cabeza, repetiría este canto? Fernández cre que si, pero sospeita que o escritor de Mondoñedo sería «moi crítico» con algunhas decisións adoptadas, como a localización dos retretes na antesala do monumento. Non dubida, en cambio, de que a avaliación de Cunqueiro sería hoxe igual de entusiasta. Porque o autor de Merlín e familia sabía ver o verdadeiro e profundo neste eido de sabedoría. E os visitantes de hoxe temos a obriga de seguir aprendendo, porque só quen descifra os segredos do pasado pode entender os do presente e os do futuro. Por iso é tan importante atinar coa conservación e recuperación deste espazo.