As vivencias entre pai e filla conforman o núcleo do novo libro de David Pintor

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

CULTURA

David Pintor

«El primer diccionario de Nara» mestura ilustración  e escrita

01 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao pouco de nacer a súa filla Nara, o ilustrador David Pintor comezou a debuxar con ela. Un acto que, pronto, mesturou o entretemento coa aprendizaxe. A cativa creceu e as primeiras verbas chegaron. Pintor, apuntou nun caderno as palabras que Nara ía aprendendo. Finalmente, ao ilustrador ocorréuselle unir o debuxo e a escrita para compoñer un libro, que vén de publicar Degomagon baixo o título de El primer diccionario de Nara. Unha obra que evoca os «momentos bonitos e curiosos que unha nena pasa co seu pai», explica Pintor.

El primer diccionario de Nara presenta máis de cen verbas acompañadas de ilustracións, nas que Nara aparece como protagonista. «Fun anotando as palabras que ía dicindo e fixen unha selección. Escollín as que me parecían máis simpáticas, as máis doadas de ilustrar ou as que me daban máis xogo á hora de facer un debuxo», explica Pintor. Berce, durmir, dragón, ovo, foguete, lúa ou auga, onde a ilustración amosa a Nara xogando animada coa billa do baño, son algúns dos termos que o libro recolle ao longo das súas páxinas.

Por outra parte, Pintor sorprendeuse da capacidade dos nenos para a aprendizaxe: «Desde unha idade temperá, Nara identificaba cousas sinxelas e complexas cun sistema moi básico: un simple debuxo moi esquemático». Neste senso, salienta a importancia da ilustración na educación: «É un dos fins máis importantes que ten que ter na literatura infantil, dar pistas aos cativos para que se interesen polo mundo da imaxe». Nesta liña, Pintor rememora a frase da ilustradora Kveta Pacovská: «O libro infantil é a primeira galería de arte que temos de nenos».

A protagonista da obra é Nara pero podería ser calquera rapaz: «Eu pensei que sería unha forma de conectar con outros pais que teñen experiencias como as miñas».