«A rosa de cen follas» de Ramón Cabanillas reverdece en xaponés

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Tamara Montero

Takekazu Asaka presenta a tradución dos versos máis espontáneos do poeta

30 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ramón Cabanillas teceu A rosa de cen follas con fíos de ouro que foi tirando dos poetas do Rexurdimento. Con fíos coseu Takekazu Asaka a tradución ao xaponés dunha presada de follas descoridas que o poeta da raza quixo facer pasar polo breviario dun amor de mocidade, pero que Carvalho Calero cría que eran versos escritos máis ou menos no momento no que se editan. Era 1927 e Cabanillas pasaba polo momento máis doce da súa vida, aqueles anos de Mondariz.

Takekazu Asaka, Takiño, como lle gusta que lle chamen, confesa que non foi doado trasladar o lirismo da poesía amorosa de Cabanillas. «É un galego de principios do século XX, con dialectalismos cambadeses, complexo en metáforas e polimorfismos. É difícil entender os seus pensamentos». E iso que leva trinta anos dedicado á lingua e a literatura galegas. Trinta anos nos que Xapón puido ler a Martín Códax. E a Rosalía. E a Novoneyra. E como Lorca ollaba para aquela lúa que bailaba na Quintana de Mortos. Trinta anos nos que vén regalando alboradas a Galicia. Dicíao Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, durante a presentación: o pai Sarmiento deu a esta terra asoballada un norte. Takiño dálle un oriente. Un lugar por onde sae o sol e rompe un novo día. E esa conexión entre o sol nacente e a fin da terra é permanente dende os anos 90.

«Libro menor en arte menor, pero non inferior en calidade», subliñou Asaka, que en febreiro se centrou d’A rosa de cen follas que dende agora tamén se chama Hyakuyo no bara. Trinta e catro poemas que teñen como motivo fundamental a saudade do amor, e nos que Carvalho, Cunqueiro e outra xente recoñeceron naqueles pétalos o Cabanillas máis natural, máis espontáneo e máis auténtico. «Despois de traducir este poemario creo que podo transmitirlles o seu espírito de poeta lírico aos nosos paisanos». Abofé. Porque Cabanillas leva nas mans de Takiño alomenos dende o 2013, cando publicou a Cantata a Cabanillas un estudo da súa vida e obra. «Últimamente traballo en Cabanillas, dende Vento mareiro á Rosa de cen follas. Encántame como poética lírico».

 A música funciona como difusor da literatura galega en Toquio

Da presentación da tradución d’A rosa de cen follas, con limiar de Francisco Fernández Rei e vocabulario galego-xaponés, saíu o anuncio do seguinte proxecto de Takekazu Asaka, Takiño, que traballa na edición dun disco cos catro textos do poemario de Cabanillas que conteñen partitura musical: Era un piniño novo, A capilla, O rei tiña unha filla e Aureana do Sil, o texto que Takiño escolleu para recitar en xaponés.

«A min sempre me chamou a atención que Cabanillas fixera un poema sobre as aureanas do Sil», lavandeiras e batedoras á procura das pebidas de ouro do río das que tamén falou Delibes. Musicada en 1952, Federico Mompou engadiu unha estrofa máis ao poema de Cabanillas.

A música serve como catalizador para que Xapón coñeza a cultura galega e poida achegarse, por exemplo, á complexidade de Uxío Novoneyra, que ten algo de xaponés no seus versos. Algo de haiku hai no poeta do Courel. Sábeo Takiño, que xa traballa con profesionais para editar este disco. «A través da lingua española Valle-Inclán e Pardo Bazán si que están en xaponés, pero no mercado das librarías non se vende ben a literatura galega en Toquio», explicaba no seu exquisito galego. «A través de compact disc quería difundir a vosa cultura, a vosa música, en Toquio».

De feito, ten un proxecto para facer un recital sobre Follas Novas, obra de Rosalía de Castro que tamén traduciu ao xaponés logo da morte da súa dona, á que dedica os versos que conforman o breviario de amor de Cabanillas.