Memoria fotográfica da Costa da Morte

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

ANA GARCIA

O Arquivo Vidal, cuns 60.000 ficheiros que dan conta da evolución deste territorio dende finais do século XIX ata os anos 70 do XX, vén de ser declarado BIC pola Xunta

29 jul 2019 . Actualizado a las 15:11 h.

Debe de ser rara a casa ou a familia da Costa da Morte, particularmente das comarcas de Soneira e Bergantiños, que non conserve unha imaxe asinada polo fotógrafo Vidal. O laxense José Vidal García (1900-1988) herdou a paixón fotográfica de seu pai, Plácido Vidal (1867-1956), que tiña como profesión a de avogado. Primeiro tendo como base Laxe e despois Corme, mais movéndose en gran medida pola comarca: alí onde o chamaban ou onde el vía posibilidade de acadar clientes, Vidal García desenvolveu durante máis de medio século todo un oficio que o levou a ser moi coñecido na zona, mais non noutras latitudes como debera. De todos eses anos de profesión, e grazas á propia vontade de conservación e aprecio polo seu quefacer, quedou un fondo inmenso, dunhas 60.000 unidades: é o Arquivo Fotográfico Vidal, que o Consello da Xunta vén de declarar ben de interese cultural (BIC), aténdose á súa importancia histórica, artística e documental. Implicará, pois, «a súa máxima salvagarda».

É un agardado punto de partida para que as imaxes e o propio Vidal acaden o lugar merecido, posto que hai quen ten cualificado este fondo como o maior patrimonio fotográfico e documental de Galicia. Aínda que xa houbera xestións no seu día, foi en outubro do 2017 cando o goberno laxense -daquela, bipartito PSOE e BNG- solicitou este recoñecemento agora concedido, unha labor na que tivo moito que ver o técnico do Museo do Mar laxense Joaquín Vidal: el solicitou a respectiva autorización do edil Xosé Manuel Pose para iniciar os trámites administrativos. .

Malpica, a comezos de 1900
Malpica, a comezos de 1900 arquivo vidal

Evolución urbanística das vilas, traballos de terra e mar, paisaxes que foron mudando cos anos, escola, vida social cunha coidadísima escenografía, romarías e festas, moda, deporte, naufraxios... As fotografías dos Vidal -pai e fillo- son a memoria fotográfica da Costa da Morte, a testemuña da evolución dunha comarca en todos estes sentidos, dende finais do século XIX ata os anos setenta do XX. Integran o Arquivo 43.475 imaxes en soporte plástico, 5.886 fotografías en vidro e 10.306 en papel, segundo os datos oficiais da Xunta.

Coincidindo co 30.ª aniversario do falecemento de Vidal García e tamén co Ano Europeo do Patrimonio, no 2018 declarouse dende o Concello laxense o Ano Vidal, cunha serie de iniciativas para divulgar a memoria do ilustre veciño. O Arquivo é unha das principais razóns de ser do Museo do Mar da localidade, que lle dedica un espazo sobranceiro coa exposición dun bo número de imaxes, sobre todo ligadas a unha temática marítimo-pesqueira. Coma cunha melodía ou cun bocado de gastronomía, é posible viaxar con delas no tempo. Foron horas as entregadas á conservación e dixitalización dos ficheiros logo de que descendentes do fotógrafo doasen ao consistorio, no 2008, todo este arquivo que se gardaba ata ese intre na vivenda familiar. Chegaría dez anos despois o libro José Vidal García, unha vida dedicada á fotografía, da autoría de Xan Fernández, quen o ten catalogado como «fotógrafo da xente». Nel, ademais da biografía, realiza unha escolma da súa obra integrada por unhas 500 fotos, clasificadas por temáticas.

 Aínda que moi popular na súa época, José foi entrevistado quizais só unha vez, segundo se sabe, na revista Antena Dominical de La Voz, aló polo 1982. Cómpre agora agardar por esta fase de recoñecemento, pois o que deixou é un dos máis prezados tesouros patrimoniais da Costa da Morte.

 

Unha vista de Laxe na década dos 50
Unha vista de Laxe na década dos 50 arquivo vidal

Unha xoia patrimonial aumentada nos últimos tempos

O Arquivo Fotográfico Vidal foi capital para a entrada do Museo do Mar de Laxe na Rede Galega de Museos. Coa declaración do Ano Vidal no 2018 impulsáronse iniciativas diversas, que foron dende as mencionadas exposicións ou a publicación da obra de Xan Fernández ata conferencias de expertos e mesmo visitas teatralizadas na Semana Santa. En maio deste mesmo ano, dende a concellaría de Comercio, Hostalaría e Turismo encabezada polo edil Xosé Manuel Pose Lema celebraban un paso máis na posta en valor do Arquivo: a adquisición, por parte do consistorio, e tamén con destino ao Museo do Mar, do fondo fotográfico de José María Vidal Eiroa, fillo de José Vidal, neto de Plácido e último representante da familia da estirpe de fotógrafos.

Recolle este arquivo a historia fotográfica dos anos 60, 70 e 80 do século pasado, tanto de Laxe como de municipios veciños: atopado no baixo da casa familiar do fotógrafo, foi doado polo matrimonio que comprou a vivenda. Estímase integrado en 30.000 ou 40.000 imaxes, cunha parte delas xa rexistrada -unhas 19.000-, nas que segue a estela dos devanceiros. O resultado exponse en vídeo no edificio laxense, a onde se conta que chegue en breve novo mobiliario e aparellos que permitan unha mellor visión de todo este patrimonio en imaxes, toda vez que, segundo trasladan dende o museo, segue sendo desexo do novo goberno municipal, co PP á fronte, continuar coa posta en valor emprendida. Con tal adquisición, o Museo do Mar laxense pasa a albergar un abraiante fondo de instantáneas que chegaría a superar as 100.000 fotografías de época.

 O Museo do Mar de Laxe está localizado no inmoble que ocupou a antiga casa cuartel da Garda Civil na localidade laxense. Conserva boa parte da súa estrutura tradicional. Agora no verán ten o seguinte horario, con entrada de balde: de xoves a domingo, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00. Consultar no caso de festivos.