Fusilamento das ideas


O derradeiro desexo de José María Torrijos, dar a orde de disparo ao pelotón que o ía fusilar o 11 de decembro de 1831 na praia de San Andrés en Málaga, non foi atendido. «Voy a morir, pero voy a morir como mueren los valientes», lle escribira á súa muller horas antes. Condenado sen xuízo, negada a súa honra militar, Torrijos morreu seguramente sabendo que o seu pronunciamento fracasara pero non que se ía converter en símbolo da causa das liberdades. En 1886 o gabinete liberal de Sagasta encargou ao pintor Antonio Gisbert un cadro que celebrase o sacrificio de Torrijos e os seus compañeiros, que daría natureza iconográfica ao que era unha alegoría etérea. É este mesmo cadro o que se pode ver este verán no Prado, dentro do programa que celebra o bicentenario do museo, xunto con traballos preparatorios, a carta de despedida do militar ou a reprodución a escala que, como tarxeta postal, contribuíu a difundir masivamente a pintura e convertela nun emblema liberal.

Debeu de ser este mesmo gravado o que chegou a mans do indiano betanceiro Jesús García Naveira, quen encargou un duplicado en forma de mural para o parque enciclopédico que naquela altura estaba a construír e que acabaría por coñecerse como O Pasatempo. Elaborouse cun material entón revolucionario, o cemento, cunha maleabilidade que lle permitiu unha abraiante calidade hiperrealista a quen só asinou a reprodución como «H. Cuad». O fusilamento de Torrijos compartía muro coas escenas desoutros que morreron polas súas ideas -Tupac Amaru, os primeiros cristiáns-, fitos nun conxunto que exaltaba a tolerancia, o ecumenismo e a liberdade.

O soño do Pasatempo, é ben coñecido, non sobreviviu á morte do seu creador. A natureza domesticada reconquistou o espazo e botou por riba de xardíns, fontes e esculturas un manto de hedras e silvas. Cando por fin foi retirado o que se revelou foi unha ruína que mantiña acesa a súa dignidade malia os estragos das décadas e a destrución. A Torrijos e os seus faltábanlles mans, brazos, algúns rostros. Disque durante a guerra algúns soldados practicaran o tiro coas esculturas. Primeiro fusilaran os corpos e, despois, tamén as ideas que encarnaban.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Fusilamento das ideas