Un mosaico da realidade de Galicia a través da amizade

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

CULTURA

José Pardo

O escritor Xavier Alcalá rememora no seu último libro a figura do seu amigo Cholo, emigrante galego na Arxentina

27 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nesta vida hai persoas coas que pronuncias unha palabra e non é necesario explicar nada. Pois esa era a relación entre o Cholo e mais eu». Desta maneira, o escritor Xavier Alcalá describe a relación co seu amigo Antonio Rey Flórez, Cholo, a quen recorda no seu último libro Cartas ao Cholo, editado por Medulia. A obra, que terá continuación cun segundo volume a piques de entrar no prelo, recolle un conxunto de artigos de Alcalá publicados por Galicia en el Mundo, entre o 1994 e o 2001.

Nun ton e estilo epistolar, Alcalá informa ao seu amigo, fillo de emigrantes galegos que vive na Patagonia, sobre a situación de Galicia e achega as súas reflexións sobre ela. Sen esquecer a diáspora, a realidade que rexía a vida do «Choliño», como cariñosamente o rememora o escritor.

O libro é unha homenaxe ao seu amigo, finado pouco antes de que se publicase a novela The making of de Alcalá, na que a vida do propio Cholo como emigrante cobra protagonismo. Polo tanto, o recordo é unha das razóns polas que Alcalá desexaba publicar a obra. «Eu lembro ás persoas que se van en función do que me fixeron rir. E co Cholo, mateime a rir unha cantidade inmensa de veces», explica Alcalá.

A galeguidade era un dos trazos característicos da figura de Cholo. Tanto é así que, na súa casa de Comodoro de Rivadavia, o amigo de Alcalá sentaba no sillón e mollaba un dedo en area coruñesa, co fin de evocar a súa terra natal, relata o escritor.

Ademais, na personalidade de Cholo tamén destacaba a solidariedade: «El fixo moita gauchada, palabra que en Arxentina se relaciona cunha axuda desinteresada. Fixo canto favor se puidera facer e máis», asegura Alcalá. «Non só a canto galego había, senón tamén aos españois. Era un home ponte. Tiña unha conciencia de solidariedade coa xente que se a trasladásemos a Galicia, sería o país máis ideal do mundo», relata o escritor.

Cholo, con Xosé Neira Vilas
Cholo, con Xosé Neira Vilas

Un retrato da Galicia de entón

Ademais de ser unha homenaxe, Cartas ao Cholo é un libro que describe con detalle a Galicia do momento: «É unha obra que nos retrotrae, unha revisión do que estaba acontecendo naquel intre». O conxunto de cartas, que co segundo volume chegarán ás 219, narran acontecementos políticos, sociais ou literarios, entre moitos outros. Isto é, un ilustrativo mosaico da realidade galega dos últimos anos do século XX.

Nos seus artigos, Alcalá refírese a Galicia como o impaís, ese lugar que non acada o seu cometido e do que moita xente se viu obrigada a marchar. Unha partida que, agora, toma outro camiño: «Actualmente é un impaís máis sofisticado. Antes o que se marchaba non tiña formación, hoxe en día o impaís demostra a súa incapacidade deixando saír os mellores cerebros cara ás principais capitais europeas», expón Alcalá.

En canto á diáspora galega, Alcalá salienta o papel da Arxentina, non só polo gran número de persoas que marcharon para o país latinoamericano, senón porque moitas «tiñan a paixón de que o seu fillo estudase, xa que alí a ensinanza superior era de balde».

No libro, Alcalá describe a xeografía e a paisaxe galegas cunha querenza especial, ao igual que o facía Ramón Otero Pedrayo, polo que afirma sentir admiración e certa influenza poética na súa escrita. Ao propio Otero, Castelao dedicoulle as seguintes verbas no reencontro de ambos en Bos Aires: «Abrazarte a ti é abrazar a Galicia». Neste senso, ler Cartas ao Cholo é abrazar á Galicia da época.