
O dramaturgo empezou no teatro social e comunitario e combina a docencia con outros proxectos
25 jul 2019 . Actualizado a las 16:50 h.O dramaturgo José Luis Baños de Cos impúxose este martes na edición número catorce do Premio Abrente de Textos Teatrais, convocada pola Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. O galardón, dotado de 3.500 euros, é un recoñecemento que ten a clara intención de incentivar a creación dramática en lingua galega. O xurado composto polo director do festival, Roberto Pascual; a actriz Avelina Pérez; o actor Roberto Leal; e o director Álex Sampayo; fallou en favor do texto Asfixia, de Baños de Cos.
-Que supón para vostede conseguir este galardón?
-Para min é unha inmensa honra polo significado que teñen tanto o festival de Ribadavia como o premio Abrente en Galicia, pola xente que participa no seu desenvolvemento e polas compañías que pasaron polos seus escenarios. Vivino como espectador entusiasta e, agora, ser premiado como o foi xente que admiro é a maior honra.
-Fálenos de «Asfixia».
-É unha obra que podería cualificarse de traxicomedia existencial, onde os seres que a habitan transitan polas súas vidas cun rol que eles e elas non elixiron, simplemente o aceptaron. Calquera acontecemento fóra da súa rutina fai que todo o que crían real sexa un xogo de espellos.
-Cal é o seguinte paso?
-Realmente, non sei cal será o seguinte paso na vida de Asfixia. Encantaríame que se levase á escena e compartir co público a experiencia teatral máis alá do texto.
-Presentouse anteriormente a este certame?
-Si, presenteime en anos anteriores. Para min o premio Abrente sempre foi unha ilusión polo que representa no mundo teatral galego.
-Como foi a súa traxectoria ata chegar aquí?
-Comecei no teatro social e comunitario en Honduras e Perú, ambos marcaron a miña visión á hora de crear. En Galicia, con Teatro Ó Cubo tiven a oportunidade de dar un salto como dramaturgo. Ata a data, vou combinando a docencia teatral en Santiago con outros proxectos como as obras Cheas de bestas e O círculo coa compañía Oxímoro Teatro.
-Agora mesmo pillámolo en México, por traballo ou descanso?
-Mestura das dúas, estou percorrendo todo o país e a noticia do premio chegoume ao erguerme pola mañá. Foi un marabilloso espertar.

Estrea de «Curva España», a nova montaxe de Chévere
Curva España é a nova produción da compañía teatral galega Chévere. Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira protagonizan unha obra que trata un crime aparentemente sen resolver, cunha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes. Coma os mellores casos expostos por Agatha Christie, pero con ironía e funcionando como unha alegoría da construción do Estado español. Como é costume nas súas producións, os intérpretes de Chévere parten dunha historia local, neste caso un mito que se contaba na zona de Verín, para chegar a facela global cara ao espectador. O grupo quixo aproveitar a edición número 35 da Mostra Internacional de Ribadavia para dar a coñecer o seu novo espectáculo. A cita co teatro-documento, na fronteira entre realidade e ficción, será este xoves ás 23.00 horas no Auditorio do Castelo de Ribadavia.