A brevidade como camiño cara á profundidade

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

CULTURA

Editorial Galaxia

O novo libro de Xurxo Borrazás, «Brevedume», convida á reflexión a través de textos curtos e aforismos

24 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Acadar a profundidade a través da brevidade é un exercicio literario complexo. A reflexión é un acto ao que todo o mundo, con maior ou menor frecuencia, recorre, pero a súa expresión, tanto escrita como oral, acostuma a ser arrevesada.

Así e todo, Xurxo Borrazás consegue no seu último libro, titulado Brevedume e editado por Galaxia, superar ditos atrancos e achegar aos lectores as súas meditacións de forma concisa e directa, apoiándose nun ton humorístico e introspectivo.

A partir dun conxunto de textos moi breves, na liña do aforismo ou a máxima, Borrazás compón unha ampla rede de reflexións, ordenadas cronoloxicamente, sobre múltiples realidades, entre as que destaca a literatura e o proceso da escrita. «Este tipo de breves xa os incluía hai 20 anos noutras obras, agora atrevinme a facer un libro exclusivamente disto. Ademais, aínda que faga outras cousas, en paralelo estou reflexionando sobre a literatura», afirma o creador de Carballo.

Da súa «colleita», como el a define, de pequenos textos, destaca a de 2014: «Aquí estaba inspirado! Ata me puxen a pensar que pasou nese ano, parecía que estivese especialmente feliz, como un namoramento. Se fosen viños diría: ponme o do 2014», asegura Borrazás.

Esta simpatía e humor coa que fala do seu libro tamén a emprega na súa escrita: «Un dos fíos condutores de Brevedume é o ton humorístico, pero elaborado. Iso é o que impregna a obra de adiante a atrás», manifesta. A modo de exemplo, pódese citar esta reflexión cómica de Borrazás no libro: «O de que a xente é máis nobre no campo é unha lenda urbana».

A influenza da lectura

«Camiñar e ler son as dúas actividades que máis practico», conta o de Carballo. Neste senso, resulta imprescindible evidenciar a voracidade lectora de Borrazás para debullar o seu novo libro.

«Eu lin moitas obras que non se enmarcan na narrativa propiamente dita, é dicir, memorias, cartas, libros de aforismos... Desde os clásicos gregos ata a actualidade. Metinme nese campo e pensei: eu tamén quero facelo», relata. Ademais, Borrazás confesa a súa paixón pola prensa debido á súa variedade temática, que compara con Brevedume.

Por outra parte, Borrazás admite que escribiu «moito» cando foi consciente de que os seus textos podían converterse en libro. Tanto que só se amosa «a punta do iceberg» nesta publicación. É dicir, e seguindo o fío humorístico do libro: queda breve para un longo tempo.