Betsabé e David, separados e reunidos

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O rei David da fachada de Praterías, con dúas representacións de Betsabé: a muller con acios de uvas e a viúva coa caveira de Urías
O rei David da fachada de Praterías, con dúas representacións de Betsabé: a muller con acios de uvas e a viúva coa caveira de Urías alfredo erias

O historiador Alfredo Erias reconstrúe o ciclo de esculturas que relataba o adulterio da muller co rei e que, sostén, se concibiu para a porta norte da catedral de Santiago

24 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia cóntaa o Segundo Libro de Samuel: dende unha azotea o rei David albiscou unha muller bañándose e, cativado pola súa beleza, pediu saber quen era e que lla levasen canda el. Con Betsabé, que esta era a muller, mantivo relacións sexuais, deixándoa embarazada. O rei tratou de que o home da muller, Urías, que libraba unha batalla contra os amonitas, se deitase con ela, pero el retrucou que non podía mentres durase a contenda por disciplina militar. David deu orde de que os seus soldados deixasen só a Urías no corazón da batalla, para que así o inimigo puidese matalo facilmente. Logo David arrepentiríase, aínda que non foi quen de evitar que a ira divina fixese que o fillo da unión adúltera morrese aos sete días de nacer.

Este relato formou parte do repertorio de libros miniados medievais a partir do século IX, como o Sacra Parellela ou o Florilegium, cun obxectivo moralizante. E, segundo o historiador e investigador Alfredo Erias, tamén formaba parte do discurso pétreo da catedral de Santiago, a través dun ciclo de esculturas que, afirma, foi concibido para a porta norte do templo. É moi posible que as efixies nunca chegasen a verse nesa disposición orixinal, xa que se atopan distribuídas por distintos lugares do templo, o que, segundo Erias, dificultou a súa lectura como parte da historia de Betsabé e David ata hoxe.

O investigador, que publicou o seu traballo no último número do Anuario Brigantino, tamén é un recoñecido artista con querenza polos personaxes medievais, e foi grazas a esta última faceta que comezou a enfiar a súa teoría. «Eu só pretendía facer unha exposición de pintura e debuxo sobre as mulleres medievais de Santiago, pero ao empezar a estudalas saltou na miña cabeza o que primeiro foi unha hipótese e despois unha certeza moi clara», rememora Erias. 

Un xiro brusco de cabeza

O historiador reconstrúe a representación escultórica do adulterio con varias pezas e que lle dan sentido á coñecidísima figura do rei David de Praterías. Relaciona o xiro brusco de cabeza do monarca coa muller con acios de uvas hoxe no Museo da Catedral, á muller adúltera e á que ten un cachorro de león -estas dúas tamén en Praterías-, «ademais doutras pezas como o emblema da luxuria en forma de muller que vai dacabalo dun galo».

No relato que fai Erias, David xira a cabeza para ver a Betsabé, sobre quen recae todo o peso da culpa: «Aquí o escultor fai que a desencadeante sexa a Betsabé que mostra os acios de uvas baixo os peitos, seguindo a metáfora de muller fermosa do Cantar dos Cantares. É ela a que provoca a mirada do rei e todo o que segue». Os dous episodios mortais cos que se completa a historia estarían encarnados pola muller coa caveira no caso de Urías -«morreu dunha setada, o que se ve no buraco que ten no seu colo a Betsabé adúltera, como xa demostrou o profesor Núñez Rodríguez; e o profesor Castiñeiras no ano 2000 atopou un V na caveira, xusto debaixo do buraco da frecha, que pode interpretarse perfectamente, aínda que el non o fai, como a inicial do nome de Urías, posto que esa letra lese U ou V indistintamente»- e a figura feminina cun cachorro de león, que presenta «a morte do fillo, aos sete días de nacer, condenado por Iavé. Precisamente, este é o momento que representa a terceira Betsabé, que mira suplicante ao alto mentres sostén no colo o cachorro de león, probablemente xa morto. Na arte medieval, que é esencialmente simbólica, o cachorro representa ao fillo do rei león por excelencia, o vencedor de leóns, David». 

Mestre da Porta Francíxena

Erias expón que este ciclo foi esculpido polo denominado Mestre da Porta Francíxena ao redor do ano 1100, «en tempos de Xelmírez, para a porta norte, en coherencia do ciclo de Adán e Eva no Paraíso, que tamén estaba alí». Pero nin sequera é seguro que as pezas chegasen a colocarse en coherencia coa súa historia. O investigador baralla diversas posibilidades para explicar a dispersión das esculturas, dende que non agradasen ao arcebispo ou ao rei Afonso VI, protector da catedral, ata cambios nos proxectos ou os asedios aos que se someteu o templo. «Toda a porta norte perderíase e as súas pezas dispersaríanse definitivamente coa súa substitución pola actual no século XVIII», razoa. «É posible que a adúltera resultase demasiado provocadora e máis se estaba unida ás outras pezas do ciclo, así que se levou á porta sur sen preocuparse da súa coherencia coas demais alí. Ao fin e ao cabo, nesa zona tiñan lugar xuízos públicos e a imaxe negativa dunha adúltera non deixaba de resultar coherente e pedagóxica», engade o historiador.

A Erias, que xa publicou como libro a súa tese de doutoramento, Iconografía de las tres iglesias góticas de Betanzos, gustaríalle que a súa lectura entrase a formar parte «con toda naturalidade dos relatos iconográficos da catedral». O investigador dedica o seu traballo a Serafín Moralejo e nel tamén fai patente o seu recoñecemento a profesores como Núñez Rodríguez, Manuel Castiñeiras ou Yzquierdo Perrín. Tamén lle gustaría botar máis luz sobre o Mestre da Porta Francíxena, «pero témome que non será doado e, mentres tanto, os novelistas teñen unha gran ocasión». Unha alusión literaria que leva á tamén icónica foto de Cunqueiro co rei David... «Non me cabe dúbida que se Cunqueiro tivese coñecemento deste ciclo escultórico daríalle forma literaria e o resultado sería marabilloso para Galicia e o mundo», conclúe Erias.