A viaxe máis internacional de Castelao

Redacción LA VOZ

CULTURA

A obra do artista rianxeiro percorrerá máis de 100 cidades arredor dos cinco continentes

20 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Este luns 22 de xullo inaugúrase na Fundación Gonzalo Torrente Ballester de Santiago de Compostela, a mostra Castelao grafista (facsímil), que ten como finalidade principal proxectar internacionalmente a imaxe do artista rianxeiro Alfonso D. Rodríguez Castelao.

O proxecto está producido por Turismo de Galicia e organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes e a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, coa colaboración do Instituto Cervantes e do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Estes dous últimos organismos ábranlle ás portas dos seus centros, espallados por todo o mundo, á obra de Castelao. Cidades tan importantes como Nova York, São Paulo, O Cairo, Pekín, Sidney, Berlín, París, Roma, Bos Aires, Montevideo ou Miami, acollerán a voluminosa produción do rianxeiro.

A iniciativa achegará a máis de 100 rincóns dos cinco continentes a obra de Castelao, que permanecerá nas bibliotecas dos centros internacionais. O material que se envía conta, principalmente, cun exemplar do catálogo Castelao grafista (facsímil), tódalas obras de ficción do escritor, a súa obra chave do pensamento galeguista, Sempre en Galiza, unha colección dos seus escritos políticos e de arte, así como a correspondencia do autor.