A Fundación Insua dos Poetas entrega os galardóns de 2019

Redacción

CULTURA

Agostiño Iglesias

O festexo tamén rendeu homenaxe ao escritor Antón Tovar

21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Insua dos Poetas, sita na localidade ourensá do Carballiño, acolleu onte a celebración da XI Festa da Palabra, onde se entregaron os premios convocados por esta institución. Ademais, este ano o festexo rendeu homenaxe ao escritor Antón Tovar, finado no ano 2004 en Ourense.

Os galardóns outorgados enmárcanse arredor de sete categorías. A xornalista e escritora María Solar recibiu o premio de Creación Literaria, tanto polo seu labor creador no eido da literatura infantil e xuvenil como polo seu traballo de comunicación no ZigZag da Televisión de Galicia. No eido das Artes Plásticas, a premiada desta edición foi a catedrática de Historia de Arte Contemporánea da Universidade de Vigo María Victoria Carballo-Calero, polo seu constante labor a prol da pintura.

Na categoría de Lingua e Cultura Galega na diáspora premiouse ao Centro Galicia de Bos Aires, unha das institucións máis significativas da emigración galega en América. A asociación de veciños da parroquia de Madarnás recolleu o galardón de Acción Social, pola súa colaboración coas actividades do lugar. O premio de Iniciativa Empresarial recalou nas mans de Manuel Bernárdez Otero, do que se salientou o seu mecenado desde o grupo empresarial CER & Ber.

No eido da Imaxe e Audiovisual, o certame premiou á asociación fotográfica O Potiños. Por último, a Cadena Ser do Carballiño recibiu o premio de Medios de Comunicación.