O Centro Galicia de Bos Aires, entre os premios Insua dos Poetas do ano 2019

la voz REDACCIÓN

CULTURA

Santi M. Amil

O Padroado da Fundación Insua dos Poetas fallou os seus premios anuais, que entregará este sábado

19 jul 2019 . Actualizado a las 17:26 h.

O Padroado da Fundación Insua dos Poetas fallou onte os seus premios anuais, que entregará mañá, ás 12.00 horas, no transcurso da Festa da Palabra. Os galardoados deste ano son a escritora e xornalista da TVG María Solar na categoría de creación literaria, pola súa obra e o seu traballo en programas culturais. Na de artes plásticas, o premio recae en María Victoria Carballo-Calero, catedrática de Historia de Arte Contemporánea da Universidade de Vigo, polo seu traballo a prol da pintura, escultura, arquitectura e arte urbana.

No apartado de lingua e cultura galega, o galardón foi para o Centro Galicia de Bos Aires, con 10.000 socios e 40 anos de andaina, nos que presta un servizo a toda a emigración galega de América. De xeito semellante, a categoría de acción social distinguiuse a asociación de veciños da parroquia de Madarnás, no Carballiño, onde se encrava a Insua dos Poetas, pola súa colaboración coas actividades da entidade.

Normalización da lingua

No apartado de iniciativa empresarial o premio foi para Manuel Bernárdez Otero, natural de Dacón, Maside, e que dende o grupo Cer & Ber exerce un mecenado que é tamén un exemplo de normalización lingüística. Por último, a categoría de imaxe e audiovisual elixiu para o seu galardón á asociación fotográfica O Potiños, nada en 1965, mentres que na de medios de comunicación o premio foi para a Cadena Ser do Carballiño.

Nesta ocasión a Festa da Palabra estará dedicada ao escritor Antón Tovar, falecido en Ourense no 2004.