Miguel Sande: «Non busco a poesía retórica, senón o sinxelo»

O escritor e xornalista gaña o premio do PEN e Afundación coa obra «Os filósofos xa non brindan con cicuta»

Miguel Sande practica unha poesía sinxela pero resultado dun longo proceso de traballo
Miguel Sande practica unha poesía sinxela pero resultado dun longo proceso de traballo

redacción / la voz

Os filósofos xa non brindan con cicuta é o título do poemario co que o escritor e xornalista de La Voz Miguel Sande (Pastoriza, Arteixo, 1961) vén de ganar o premio que convocan Afundación, o Centro PEN e a Xunta, fallado onte en Santiago. Un galardón dotado con 6.000 euros e que inclúe a publicación da obra na colección Arte de Trobar. O xurado, que o elixiu por unanimidade, estivo formado por María Canosa, Ánxela Gracián, Branca Vilela e Xabier Castro como secretario, e Luís G. Tosar como presidente.

-O poemario ten dúas partes escritas en prosa poética e unha terceira en verso...

-É unha obra de madurez. Custoume moito traballo atopar a miña propia voz poética, mentres que na novela e no teatro, creo, xa a encontrara. É dunha sinxeleza aparente, na forma, pero para chegar ata ela hai un longo proceso de traballo. Cada poema, cada imaxe, pasou por varias reescrituras. Non busco a poesía retórica, nin o difícil, senón o sinxelo, e aí optei por unha lingua coloquial. Creo que despois de trinta anos por fin atopei esa voz nun poemario, e non foi sen tempo.

-De onde vén o título?

-Son poemas que se moven entre o filosófico e o cotián. Falan de cousas da vida, do día a día, pero buscándolles a profundidade. Todas as cousas a teñen. Doutra banda, son cuestións que vemos a diario no xornal: o trato aos maiores, as familias desestruturadas...

-O presidente do xurado dixo do poemario que percibía un desencanto, mais esperanzado, vitalista...

-Si, si. A verdade é que si. É unha boa definición. Son poemas moi traballados, fáciles de ler, pero con moita escrita detrás, buscándolle esa visión máis filosófica ás pequenas cuestións da vida.

-Que lle ofrece a poesía como medio de expresión que non está presente na narrativa ou no teatro?

-Creo que tamén hai poesía cando escribo teatro ou narrativa. Pero na forma dun poemario non acababa de callar. Creo que no fondo é que non me acababa de soltar, pero finalmente saíu, deixeime levar. Sendo natural e un mesmo é a mellor forma de expresarse, como todo na vida, e tamén na escritura.

-Creo que hai nunha parte un diálogo poético con Eugénio de Andrade...

-Hai un poema dedicado a el, si, aínda que non é tanto un diálogo. É un dos meus poetas preferidos, con cuxa obra me identifico, de aí que apareza nesa dedicatoria.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Miguel Sande: «Non busco a poesía retórica, senón o sinxelo»