Traxedias desde o outro lado do espello

CULTURA

13 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Otítulo agacha un xogo de palabras que explica a obra: Marte, o deus da guerra, aparece coma unha figura de entroido, ata amosar unha realidade ridícula pero elocuente. Iso é o esperpento, o nome que dá Valle-Inclán ao «xénero» en que se agruparían estas tres pezas.

As galas do defunto, Os cornos de don Friolera e A filla do capitán, xa foran publicadas con anterioridade a 1930, ano en que aparecen como a triloxía Martes de Carnaval, e todas elas están protagonizadas por algún militar para parodiar unha idea de honra expresada como absurda ata o extremo da loucura, estabelecendo así unha crítica capaz de desnaturalizar a lóxica social normal. En realidade, os tres Martes son corruptos que representan unha sociedade que os sofre ao tempo que os venera. Juanito Ventolera, soldado na Guerra de Cuba, é un donjuan cutre, estafador medio psicópata; Don Friolera, o tenente Astete, amosa que nada pode coa lóxica inhumana dos asasinatos por celos; o capitán Sinibaldo Pérez, pai da Sini, pon ao servizo sexual do Xeneral á súa filla só por medrar no exército. En realidade, é do poder do que falan as tres pezas, e de como a corrupción como forma de exercelo só inxecta dor nas relacións humanas.

En cada peza, Valle-Inclán bota man dos xéneros cómicos tradicionais do teatro español: o entremés, a farsa e o sainete, situando estes tres esperpentos nunha reviravolta da comedia. É o seu xeito de contestar ao teatro comercial da época que o autor desprezaba fondamente, un teatro de comedias de salón e melodramas, burgués e acrítico, incapaz de dar conta da convulsión política e social derredor. Por iso, en Martes de Carnaval, a risa é a expresión aloucada dunha dor catártica, cargada de mala conciencia, e dun coñecemento estarrecedor sobre a condición humana. En realidade, estes esperpentos non son comedias, son traxedias desde o outro lado do espello, algo que non é evidente a primeira vista e esixe certa vontade crítica en quen senta na butaca do teatro.

Por iso Valle sabía que nunca sería un autor comercial de lectura fácil e éxito escénico. El loitaba por ser quen de modificar as anquilosadas estruturas do teatro baixo a crenza de que toda vangarda é sempre mellor cá simplona literatura comercial do presente. Valle sabía que para iso cumpría non só mudar os parámetros de lectura, senón confrontar a sociedade española coas súas tradicións retrógradas baseadas na corrupción. Por iso representa a materialización literaria do soño anarquista: só desde as marxes se pode observar o poder para destruílo. En certa maneira, Valle-Inclán logrouno.