O Museo de Belas Artes lanza unha app para explorar en detalle as súas obras

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

CULTURA

MARCOS MÍGUEZ

Un conxunto de dez pinturas antigas e contemporáneas con especial atención ao carácter local

13 jul 2019 . Actualizado a las 11:24 h.

O Museo de Belas Artes da Coruña, en colaboración con #SecondCanvas, vén de lanzar unha app gratuíta para explorar en súperalta definición dez cadros da súa colección. A iniciativa enmárcase dentro proxecto #scModules, cofinanciado polo programa H2020 da Unión Europea.

A aplicación, chamada «Second Canvas Museo de Belas Artes da Coruña», permite «unha ampliación ata o mínimo detalle das obras, vendo o que, moitas veces, o ollo non é capaz de percibir cando estás na sala», asegura o responsable da área de difusión da pinacoteca coruñesa., Manuel Mosquera. «É unha maneira distinta de interactuar cos cadros e, tamén, para reflexionar sobre como é a construción da pintura antiga e moderna», explica.

Esta iniciativa dixital permite, ademais de achegarse ás miudezas das obras, capturar a ampliación das pinturas e compartilas a través do móbil. Así mesmo, a app tamén posibilita que o usuario poida acceder a unha serie de informacións técnicas e contextuais, entre cinco e dez, que facilitan o coñecemento da obra e enriquecen a navegación. Tales como: aspectos simbólicos, os personaxes representados, a técnica que empregou o artista, a historia do pintor, os sucesos menos coñecidos do lenzo. etc.

Nun ton divulgativo, «SC Museo de Belas Artes da Coruña» caracterízase por unha doada e intuitiva navegación: «Realizamos un esforzo en sintetizar moito a información e facela moi accesible a calquera persoa que teña curiosidade», sostén Mosquera.

Os dez cadros que, de momento, inclúe a aplicación engloban pinturas antigas e modernas. Desde o Dédalo y el Minotauro e Psique de Pedro Pablo Rubens ou Gabinete de Coleccionista de Frans Francken II, ata obras de carácter local como Vista de A Coruña de A. F. Fischermans ou Retrato de Doña Emilia Pardo Bazán, de Joaquín Vaamonde. Os artistas galegos Luís Seoane e Urbano Lugrís tamén están presentes.