«Hamada», como vivir a mocidade nun campamento saharauí

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

CULTURA

cedida

Eloy Domínguez Serén foxe dos tópicos para narrar a complicada realidade do conflito do Sáhara Occidental no seu último filme

12 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A mocidade acostuma a identificarse con esa etapa da vida na que a diversión é o fío condutor do día a día. A pesar da existencia de grandes dificultades e situacións frustrantes que se viven nos campamentos saharauís, os rapaces que protagonizan Hamada, tentan combater os atrancos con humor e alegría. Así o reflicte o cineasta galego Eloy Domínguez Serén no seu último filme, que se estrea este venres de maneira oficial nos cines.

A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela son as cidades galegas que acollen esta película, que vén de percorrer o mundo grazas a numerosos festivais internacionais. Unha viaxe «gratificante» que permitiu cumprir o principal obxectivo do proxecto: «Visibilizar o conflito saharauí e chegar a aqueles países que, sexa por desinformación ou bloqueo informativo, non conceñen absolutamente nada deste pobo», afirma o director pontevedrés.

«Ao espectador, diríalle que se vai sorprender, que a película vai romper coas súas expectativas porque, malia que se retrata un lugar tan duro e hostil, o filme contén grandes doses de humor, de vitalidade e hai situacións completamente inesperadas», explica Domínguez Serén.

Confianza plena e liberdade

A gravación de Hamada afástase das concepcións comúns en torno ás rodaxes cinematográficas. Os protagonistas representan un rol «moi activo» e libre no filme: «Tiña tanta confianza neles, que non comprendía exactamente o que estaban a falar, porque a película completa está en hasanía».

Dita circunstancia non é froito da casualidade. O director galego conviviu no campamento durante «oito meses ao longo de tres anos». Deste xeito, agrandou e consolidou o seu coñecemento do pobo e da cultura saharauí grazas á «convivencia e a escoita», así como á participación en diferentes labores coma a construción de casas destruídas ou a educación, describe Domínguez Serén. Isto é, unha clara intención de fuxir dos tópicos para documentar a realidade dun xeito espontáneo, íntimo, natural e cotián.

Por outra parte, Hamada expresa o «forte» sentimento de colaboración e colectividades que manifestan os saharauís: «Teñen moi claro que o que é bo para a comunidade, é bo para cada un deles. Algo que, probablemente, se está perdendo cada vez máis nas nosas sociedades», sostén o director pontevedrés. «Amosan unha actitude moi construtiva malia ás dificultades no seu día a día e son xente moi proactiva», conclúe.

Hamada é un proxecto que desenvolveu Eloy Domínguez Serén cunha produtora sueca, a pesar de que comeceu a traballar no filme el só. Con todo, o creador non esquece as súas raíces galegas, polo que amosou un «empeño especial» no subtítulos na nosa lingua: «Un aspecto que coidei moito e durante moito tempo», admite.

Ademais, o cineasta evidencia a súa alegría por mor de que os seus futuros proxectos se desenvolvan na súa terra natal, en concreto o guión dunha longametraxe: «O máis importante é poder dicir, por fin, que vou traballar moito máis en Galicia», afirma.