Unha ollada á fotografía como forma de expresión artística sen ataduras

Afundación presenta na Coruña unha mostra de 30 obras da Colección Teléfonica

X. F.
La Voz

Desde finais dos anos 70 do século XX ata comezos do 2000, a fotografía experimentou un proceso de cambio e crecemento, que a erixiu como expresión artística de primeiro orde. Esta circunstancia é o tema central da exposición Fotografía Contemporánea en la Colección Telefónica, que Afundación inaugurou este martes na Coruña e manterase ata o vindeiro 21 de setembro.

A mostra exhibe un total de 30 fotografías das 101 que reúne a Fundación Telefónica no seu fondo, que se enmarcan dentro dun período que comeza en 1973 e remata no 2003. Dita colección «creouse a principios do 2000» co fin de «testemuñar, de algún xeito, o que ocorrera no mundo da fotografía nas décadas anteriores», explica a responsable de Coleccións e Itinerancias da Fundación Telefónica, Laura Fernández Orgaz.

Por outra parte, a exposición tamén procura «poñer en valor o traballo do fotógrafo», nun momento en que as imaxes «inundan as nosas vidas», manifesta a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.

Neste senso, a mostra «está formada por nomes moi importantes na actualidade e referentes no mundo da fotografía», expón Cores; artistas como Baldessari, Thomas Struth, Andreas Gursky, o matrimonio Becher, Marina Abramovic ou a portugesa Helena Almeida, entre outros, cuxas obras «son das máis cotizadas» actualmente, asegura Fernández Orgaz.

Dúas salas, múltiples visións

A exposición fotográfica divídese en dúas seccións, que amosan diversas concepcións artísticas. Na sala inicial, a corrente americana posmodernista cobra protagonismo. Nesta vertente insírense tendencias como «apropiacionismo», que emprega elementos de obras alleas na confección das pezas. Neste eido achamos fotografías de artistas como Richard Prince, Sherrie Levine ou Louise Lawler, que utilizan imaxes da publicidade, da televisión ou doutros autores para «cuestionar o valor de mercado, a autoría ou o concepto de obra mestra», describe a responsable de coleccións de Telefónica.

Esta sección tamén presenta a corrente coñecida como «performance», onde os autores tornan a cámara cara á súa persoa. Neste eido eríxense as figuras de Marina Abramovic, Cindy Sherman e o chinés Zhang Huan, que converten o seu propio corpo no centro da fotografía.

Por outra banda, a segunda sala recolle pezas fotográficas da famosa Escola de Düsseldorf, centradas na arquitectura. Destacan, fundamentalmente, as obras do matrimonio Becher, que representan fábricas industriais e influenciaron en outros artistas presentes coma Andreas Gursky. Ditas imaxes caracterízanse por seren «sobrias, asépticas e impecables, sempre co mesmo punto de vista», describe Fernández Orgaz. Por último, a natureza e o xogo da percepción evócanse nas obras de Perejaume e de Olafur Eliasson, coa súa serie de horizontes tomados en Islandia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha ollada á fotografía como forma de expresión artística sen ataduras