Que fixeron os romanos por Galicia?

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Muralla de Lugo
Wikimedia / P. Lameiro CC BY-SA 3.0

O período da romanización foi decisiva na configuración de trazos fundamentais da comunidade

03 jul 2019 . Actualizado a las 08:50 h.

«Que fixeron os romanos por nós?». A pregunta é unha das citas máis célebres de La vida de Brian -que hai semanas regresou fugazmente aos cines para celebrar o seu corenta aniversario- e leva implícita a resposta: todo ou case todo. Contestación que é válida especialmente para Galicia: a lingua ou as estradas son exemplos paradigmáticos, pero tamén a paisaxe, aspectos xurídicos ou infraestruturas levan a pegada da romanización.

Foi un período decisivo na configuración de Galicia, no que se produciu unha aculturación ou asimilación coa cultura preexistente, sen unha cesura ou corte, como lembra Felipe Arias Vilas, exdirector do museo do castro de Viladonga e autor de libros como A romanización de Galicia. Arias expón que os romanos crearon un imperio para «explotalo e administralo, non eran unha oenegué» e que en boa parte o seu herdo evoca ese pragmatismo: comunicacións, organización territorial, urbanismo, actuacións como a minería aurífera, que transformaron a paisaxe. A mesma Gallaecia é un concepto imposto dende Roma, non un polo que se identificasen os habitantes desta fisterra antes de que chegasen as lexións.

Son trazos visibles e perdurables ata hoxe, como evocaba recentemente Miguel-Anxo Murado neste xornal para explicar que naceu á beira dunha vía romana, a XIX, e que cada día pasaba baixo un arco romano de camiño ao colexio. «Hai unha continuidade con Roma», confirma. «Mesmo hoxe lemos aos filósofos romanos e son moi próximos, entendémolos perfectamente». Murado tamén coincide con Arias nesa ausencia de diferenza tallante entre romano e prerromano. «Había unha convivencia porque non eran tan distintos», sostén o xornalista. O historiador, pola súa banda, pon exemplos como o feito de que a romanización non implicase unha mudanza en masa ás cidades dende os castros, senón que especialmente os máis grandes seguiron habitados. Outro indicativo salientable é o sincretismo que caracterizaba a vida relixiosa do tempo: son testemuña as aras con nomes romanos que, porén, elevaban ofrendas a divindades autóctonas, como pode ser o caso de Navia.

Xa que logo, establecer unha separación tal entre prerromanos e romanos é unha simplificación, máxime nunha disciplina como a historia. No caso galego, este debate tomou a forma de romanos e celtas, que pasou do celtismo impulsado polo Romanticismo a un escepticismo que durante boa parte do século XX negou a presenza céltica en Galicia. «Celtas si ou non é unha simplificación», advirte Arias, quen, cun sorriso, se declara «celtagnóstico» nesta cuestión. Murado cre que boa parte da raíz do problema está na falta de coincidencia entre as tres fontes principais: os textos romanos, a arqueoloxía e a lingüística.

Para Felipe Arias, no período prerromano dábase en Galicia unha amálgama de distintas procedencias, que van dende o autóctono ata o centroeuropeo ou o Mediterráneo, cos que os habitantes do que agora é Galicia mantiñan relacións e comercio, e que se manifesta, por exemplo, en artes como a escultura. «E iso fai que sexa diferente un castro galego dun de Soria», indica. 

A pegada celta

Este debate sobre a pegada celta de Galicia non pode facer esquecer que a partir do século XIX se creou toda unha corrente que acabou por derivar en cuestións tan tanxibles como un equipo de fútbol ou un festival de música. «Esa exaltación do celtismo foi común á Europa do seu tempo e que fixo, por exemplo, que Suíza cambiase o nome a Confederación Helvética», di Murado. «Aquí viña moi ben porque formulaba unha diferenza co resto de España, co elemento mediterráneo», engade. Arias lembra que esa identificación callou na mentalidade de Galicia e que debe ser respectada, aínda que tamén hai que deixar ben claro o que é rigor histórico e costume popular: «Quen diga que está a preparar unha queimada celta, que teña claro que as alquitaras chegaron cos árabes...».