Traducen ao esperanto o libro de relatos de Begoña Paz «A ferida»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Suso Moinhos (Vigo, 1970) publicou no 2017 a primeira tradución ao esperanto do gran clásico de Xosé Neira Vilas «Memorias dun neno labrego» (1961)
Suso Moinhos (Vigo, 1970) publicou no 2017 a primeira tradución ao esperanto do gran clásico de Xosé Neira Vilas «Memorias dun neno labrego» (1961) Xoán Carlos Gil

A editorial Mondial, con sede en Nova York, publica a versión realizada polo filólogo vigués Suso Moinhos

01 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Aínda que non podo valorar o froito final, porque descoñezo o idioma, síntome agradecidísima, moi honrada». A escritora galega Begoña Paz (A Coruña, 1965) amósase feliz pola súa incorporación á biblioteca do esperanto grazas á tradución do seu volume de relatos A ferida -de cuxa aparición na colección Abismos de Xerais se fan 15 anos- da man do tradutor vigués Suso Moinhos. Publicado pola editora neoiorquina Mondial, que dirixe Ulrich Becker, o libro (La vundo) xa se pode mercar a través de Internet en papel ou no seu formato dixital.

Paz aprecia o feito de que esta edición achegue a súa obra a xente que está espallada por todo o mundo, e que son lectores fieis dunha lingua na que ademais non hai moita literatura publicada. Pero sobre todo o que máis lle gusta é o entusiasmo como lector que Moinhos mostrou polos seus textos. «O máis interesante é que fixo seu o libro, e esa apropiación fará que un libro do 2004 teña unha nova vida e amplíe de novo o seu eco», festexa para lembrar que -aínda que está segura de que «é un bo libro»- A ferida, en Galicia, «non tivo éxito ningún, e tal fracaso non só é imputable a que o lanzamento carecera de promoción. Hoxe, en Galicia, é un libro desaparecido», e por iso, e porque confía en que aínda ten lectores, ela mesma preparou en Amazon unha edición en galego e outra en castelán.

Que lle queda vida a A ferida acredítao sen dubidar Suso Moinhos, que deseguido caeu seducido pola forza da súa prosa. Primeiro trouxo ao esperanto tres dos relatos do libro, que apareceron en Beletra Almanako, revista tamaño libro que tamén edita Mondial e da que o tradutor vigués integra o equipo de redactores. E de aí deu paso aos 25 que conforman o volume.

Alta calidade literaria

Moinhos enxalza a alta calidade literaria deste conxunto de contos nos que, anota, sobresae a presenza de personaxes límite, na marxe. «A tradución foi un verdadeiro desafío porque a autora utiliza moitas modalizacións, moitas maneiras distintas de falar, pero tamén monólogos interiores, diálogos... Son textos moi ancorados na oralidade», subliña. Moinhos alude á formación de Paz vinculada á filoloxía inglesa, e a un posgrao relacionado coa violencia de xénero, como clave para entender os relatos de A ferida. En tal sentido, percibe unha influencia clara da estrutura dos grandes narradores da literatura en inglés.

Para Suso Moinhos, o esperanto garda certo parentesco na súa historia co galego. «A literatura propia deste idioma ten un percorrido similar, desde un inicio -naceu en 1887 da man do oftalmólogo polaco Lázaro Zamenhof- que camiña paralelo ao Rexurdimento galego, e ata agora».

O tradutor vigués sente o esperanto como idioma propio, pero é consciente de que nesta dedicación súa non hai motivación remunerada economicamente, xa que o mercado é moi limitado malia a estar disperso por todo o planeta. «Saen ao ano uns 120 títulos, o que dá idea dunha dimensión parecida ao bretón, xa que non só son linguas pequenas, senón que non contan co apoio dun Goberno. En compensación, o concepto título descatalogado non existe», explica.

Moinhos leva tres decenios nisto e xa verteu ao esperanto Memorias dun neno labrego, tres contos de Cunqueiro e, en breve, sairá á venda Vento ferido de Casares. Tamén traduciu unha antoloxía da poesía galega actual (desde o ano 2000) e a obra do escritor mozambicano Luís Bernardo Honwana Nós matámos o cão-tinhoso.