Rescatan a novela do proletariado que Ferrín escribiu no cárcere

HÉCTOR J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

GUSTAVO RIVAS

Xerais edita «Antón e os inocentes» 43 anos despois da súa aparición

01 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Trinta anos despois da súa última impresión regresa ás librarías Antón e os inocentes, novela que foi concibida hai case cincuenta anos polo escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) durante a súa estancia no cárcere de El Dueso. Precisamente, ao aciago penal cántabro levouno -tras ser considerada pola policía como propaganda subversiva- unha copia de Os corvos, a figueira e a fouce de ouro, título que segue inédito e que debía inaugurar unha triloxía que se completaría con Antón e os inocentes e a moi posterior No ventre do silencio (1999). Xerais rescata agora unha obra que centra a súa mirada no proletariado galego e que topou acubillo en 1976 en Xistral, a editora monfortina de Manuel María vinculada á súa libraría. Pouco eco social e resposta lectora obtivo entón Antón..., como lle ocorreu despois cando Sotelo Blanco a recuperou para a súa colección Medusa. «Se cadra peor ca unha manchea de paus foi a falta de crítica», lamenta no prólogo á reedición de Xerais Antón Blanco Casás, que considera que esta peza debe ser tida «coma un elo importante» nas letras galegas.

Dalgunha maneira, entende Blanco Casás, nesta novela o proletariado galego dá un salto cualitativo: pasa de ser na literatura galega un recurso case costumista a erguerse como «suxeito político e literario central», en quen ademais recae a responsabilidade histórica de avanzar cara a un mundo mellor.

No decorrer das vidas de Narda e Berto, no Vigo da longa posguerra, «Antón e os inocentes -defende Xerais- segue a nos interpelar na contemporaneidade grazas a unha escrita hábil e desbordante que enche as que, segundo Ferrín, son as súas páxinas máis exactas, duras e esixentes».

Aínda que o autor ourensán fixo unha revisión exhaustiva do texto, dubida Blanco que esta novela camiñe hoxe murcha porque, «de morrer, os vasos comunicantes da obra enteira de Ferrín irían dar a un baleiro». En fin, un libro que ten ben merecida a nova vida que lle insuflará o lector.