Fernando F. Rego: «Tras coñecer a súa historia non che virá o sorriso frouxo cando soe Ana Kiro a próxima vez»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fernando F. Rego dedicou nove anos de traballo ao seu libro
Fernando F. Rego dedicou nove anos de traballo ao seu libro SANDRA ALONSO

Tras nove anos de traballo, o escritor publica un percorrido pola historia da música pop e rock galega

27 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Ambiciosa e enciclopédica, Unha historia da música en Galicia. 1952-2018 (Galaxia) é unha obra chamada a ser unha referencia. O crítico musical e escritor Fernando Fernández Rego (Ferrol, 1979) vertebra en máis de 900 páxinas o relato da música pop galega. Ademais dos artistas que todo o mundo ten en mente -de Andrés do Barro a Xoel López, pasando por Siniestro Total ou Os Resentidos-, o volume ten outra misión: «Visibilizar propostas minoritarias menos coñecidas».

-Empeza en 1952. Por que?

-Os cincuenta foron a década das grandes orquestras en Galicia. Falo de Los Trobadores, Los Tamara ou Los Satélites. Quixen empezar por aí porque houbo moita supervivencia. Parece que é unha época sen interese ningún, pero houbo moito rock and roll nesas formacións. Moitas xiraron no norte de África e pola costa francesa, xa que aquí pola Semana Santa non se podía tocar. Moitas fixeron carreira por Europa adiante.

-Logo chegan os sesenta

-Claro, a veneración beat con reflexo dos Beatles. Están Los Sumers e Los Sombras da Coruña. De Ferrol, Los Players e Los Sprinters. Está todo o Vigo ye-yé, con Los Zuecos, Los Santos e todos os demais. Tamén o Ourense ye-yé, con Los Murciélagos ou Los Bemposta.

-É dicir, que non todo empezou con Andrés do Barro, que é a idea popular.

-Andrés do Barro supón o inicio do pop en galego, no sentido de que é o primeiro fenómeno pop como cultura popular. Existiu incluso un fenómeno fan con el. Saía nas revistas do corazón e tivo unha vida un pouco rosa. Antes hai grupos que establecen unhas bases, claro.

-Igual que ocorre na música nacional, aquí o mito é a movida viguesa. Como a retrata?

-Tentei entrevistar a todos os protagonistas sen tomar posición. Hai diferentes opinións. Uns din que a movida foi moi subversiva ata que se empezou a politizar e ser vítima da cultura da subvención; outros sinalan que foi a época máis brutal da historia da música en Galicia. Eu creo que houbo unha serie de grupos cunha calidade enorme. Siniestro Total, Os Resentidos, Aerolíneas Federales e Golpes Bajos son grupos capitais na música galega. Pero tamén poñer o foco en Vigo deixou en segundo plano outras escenas coetáneas, como o atlantismo.

-Que grupos deberían ter triunfado e non o fixeron?

-Pasou con moitos porque a situación xeográfica de Galicia facía que se desen eses problemas. Incluso pasa agora, cos medios que temos. Os grupos que máis triunfan son os que collen o coche e apostan en serio e saen de aquí, como Novedades Carminha ou Triángulo de Amor Bizarro. Aquí houbo moitos grupos que se atoparon con producións nefastas e selos sen distribución. Todos temos un puñado de grupos que vemos infravalorados.

-Cite algún.

-Pois por exemplo agora Chicharrón. Ou antes Telephone Rouges, que no seu momento eran un grupo flipante. Indómitos ou Selvática, tamén. En épocas pasadas tamén os hai. Son bandas que incluso en Galicia non teñen o recoñecemento que deberían. Incluso pasou con Andrés do Barro. Morreu no 89, e non foi ata o Manifesto Dobarrista no 2007 cando se reivindicou a súa figura. E para min ocorre iso con Ana Kiro, que ten una vida totalmente flipante. Nai divorciada nunha época hostil, sacando adiante a súa filla e triunfando coa música ye-yé e coa tradicional. Facía concertos en Venezuela e vendía miles de casetes. Creo que non ocupa o lugar que merece.

-Por iso cómpre documentalo.

-O relato é moi importante. Oxalá se fixera máis de todas as épocas. Faltan moitas crónicas para poñer en valor a estes artistas. Quizais tras coñecer a súa historia no che virá o sorriso frouxo cando soe Ana Kiro a próxima vez.