A MIT de Ribadavia celebrará os 35 anos coa presenza de Olivier de Sagazan, Chévere e Kamikaze

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

Polos diferentes escenarios da capital do Ribeiro pasarán compañías de España, México, Francia, Arxentina e Congo

21 jun 2019 . Actualizado a las 08:08 h.

Era 1984 e da man da Dirección Xeral de Cultura da Xunta nacía o Festival Internacional de Teatro de Ribadavia. A nova fórmula daba continuidade aos festivais que viña organizando a asociación cultural Abrente e tivo un parto accidentado: o lastre económico co que se pechou provocou que non se celebrase en 1985. Logo tivo continuidade e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) conmemora neste 2019 a súa edición número trinta e cinco e vaino facer con moitas novidades, e propostas lúdicas, como corresponde a unha festa.

A MIT 2019 contará coa presenza de artistas da talla de Olivier de Sagazan, estreará a montaxe Curva España -de Chévere- e traerá a Kamikaze.

Polos diferentes escenarios da capital do Ribeiro pasarán compañías de España, México, Francia, Arxentina e Congo. E desta volta a MIT aposta polo teatro documentado, o teatro físico, o novo circo e a construción da identidade como liñas fortes.

Ribeiro, Venecia e Edimburgo

Na presentación da Mostra 2019 o seu director, Roberto Pascual, sinalou que o compromiso (e a filosofía) mantense, e ese non é outro que o de traer a Ribadavia espectáculos internacionais para que o público poda acceder a montaxes que, doutro xeito, non tería oportunidade de ver. Na programación deste ano destacan proxectos como Un poyo rojo -obra arxentina que supuxo unha revolución no Off Avignon e que só se poderá ver en Ribadavia, na Bienal de Venecia e en Edimburgo-, a proposta Transfiguration -peza de Olivier de Sagazan que integra pintura, fotografía, escultura e performance-, Amarillo -da recoñecida compañía mexicana Teatro Línea de Sombra- ou Jauría, espectáculo baseado no xuízo da Manada que dirixe Miguel del Arco.

Homenaxe a Ernesto Chao

A MIT 2019, que se desenvolverá do 18 ao 27 de xullo, ofrecerá un amplo programa de actos complementarios e encontros como a celebración dos 50 anos de Abrente, cunha homenaxe ao desaparecido actor ribadaviense Ernesto Chao.