Ricardo Carvalho Calero será o autor homenaxeado no Día das Letras 2020

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

TINO VIZ

Unha única candidatura, a do profesor ferrolán, chegará á votación do sábado no plenario da Real Academia

19 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Á sexta vai a vencida. Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago, 1990) terá por fin o seu Día das Letras Galegas. Despois de moitos intentos sen froito, nesta ocasión sairá adiante por consenso, se se entende por consenso cando dúas partes conflúen sen intención ningunha de facelo. A RAG (Real Academia Galega) prepara a celebración dun plenario para o mediodía deste sábado, no que se abordará a votación que decidirá quen será o autor homenaxeado nas Letras do ano 2020, e no que esta honra recaerá na figura de Carvalho Calero.

A tan insigne mesa de discusión chegará unha soa candidatura, a do profesor ferrolán, pero pola vía de dúas propostas diferentes, encontradas. Unha proposta asinada por trece académicos -que conta co apoio de toda a xunta directiva que encabeza Víctor F. Freixanes- e unha segunda subscrita por outros nove -entre os que se atopan os máis próximos ao expresidente Xosé Luís Méndez Ferrín-. Segundo estes últimos, ambas entraron no rexistro da RAG o mesmo día, o 20 de maio, con apenas unhas horas de marxe. Esta circunstancia fai que se chegue ao debate no medio de acusacións á executiva de terse apropiado dunha iniciativa que entenden que é súa en tanto que levan, din, seis anos tratando de levar adiante a homenaxe a Carvalho Calero. Nunha recente carta remitida por Francisco Fernández Rei, Manuel González, Chus Pato, Xosé Luís Axeitos, Euloxio Rodríguez Ruibal, Manuel Rivas e Xosé Luís Regueira enxalzaban a «calidade incuestionable do seu inmenso labor como crítico, ensaísta e creador literario», e tamén o feito de que encarnase «valores como o antifascismo e o galeguismo». Asemade aproveitaban a misiva para reprobar ao equipo de Freixanes por, aseguran, ter utilizado a figura de Antonio Fraguas -homenaxeado nesta edición- para postergar un ano máis a celebración do catedrático e académico ferrolán. «O certo é que no 2018 houbo un intento de alcanzar un acordo -sinalan fontes da executiva-, pero a ansia de protagonismo dalgúns impediu que Carvalho Calero tivese entón un xusto recoñecemento».

No só polo ben da Academia, inciden estas fontes, senón porque o propio Carvalho o merece, «debeu chegarse a un consenso, pero hai académicos que non están dispostos a pactar en tanto queren aparecer como donos do éxito». E, sempre que se respecten as normas, teñen todo o dereito, conceden estas fontes, pero o que non é aceptable é a terxiversación: «Ben podían aforrar as súas falsidades e calumnias», din académicos que se senten doídos polo reproche que na carta se lles fai cando se indica que a proposta que sustenta a executiva da RAG é unha usurpación «moralmente detestable».

Aínda con todas estas discrepancias, habituais no seo da Real Academia Galega, o venres pasado saíu vía postal a convocatoria do plenario aos seus 29 membros, que está obrigada, por certo, a incluír as candidaturas que chegan á mesa de votación: na orde do día menciónase un único aspirante, Carvalho Calero.

Pechado xa entonces o prazo habilitado para presentar propostas, o sábado só entrará a debate a do autor de novelas como Scórpio e A xente da Barreira. «Que sexan dúas distintas é irrelevante para o resultado final, xa que ambas defenden o mesmo nome», corroboran fontes coñecedoras dos mecanismos normativos da Academia. Así, o primeiro pleno ordinario fixado tras a festa do 17 de maio -como mandan as regras- designará, se non se dá un cataclismo, a Ricardo Carvalho Calero como protagonista do Día das Letras do 2020. Na votación inicial requírese a maioría do censo de académicos. Se, con todo, non a reunise, a última rolda só esixe unha maioría simple.

Na primeira rolda a proposta require o apoio da maioría dos 29 académicos, pero na última só precisa unha maioría simple