Fest Galicia medra e este verán ampara unha ducia de festivais

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

Co obxectivo de facer de Galicia unha potencia en turismo musical, a marca está dotada con 350.000 euros

19 jun 2019 . Actualizado a las 13:19 h.

Fest Galicia naceu o ano pasado como un paraguas e unha vía de apoio a festivais considerados estratéxicos para a promoción do turismo musical de acordo con creiterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social. É dicir, como unha ferramenta que permitise facer de Galicia unha potencia en turismo musical. Daquela, o paraugas daba acubillo a dez citas espalladas por toda a xeografía galega e de diferentes estilos e públicos. Este ano, Fest Galicia medra, porque son unha ducia as citas que se xuntan baixo o lema Festivais que fan camiño. Ao dez festivais do ano pasado ?PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival da Luz e WOS? hai que engadir este verán Cantos na Maré, que se celebra en Pontevedra e Caudal Fest de Lugo.

Son un grupo de festivais de traxectoria, «diferentes, diversos», celebrados en espazos naturais simbólicos e significativos, como a illa de San Simón ou a Ribeira Sacra, pero tamén en ámbitos urbanos. A marca Fest Galicia permite crear «un espazo de convivencia e confluencia que está xerando sinerxias positivas para todos», porque a organización destes festivais xera «riqueza, emprego e algo moi importante, que é facer feliz e dar diversión e ocio», así como desenvolvemento «nos territorios onde se sitúan». Román Rodríguez salientou que a rede de festivais está moi espallada polo territorio e hai tanto citas de ámbito urbano, como a do Son do Camiño, como outras de marcado carácter rural, como o Festival da Luz, que ten lugar en Boimorto.

«Cando falamos de música cada vez involucramos máis disciplinas», explicaba durante a presentación de Fest Galicia Kin Martínez, director de PortAmérica, que subliñou o impacto económico dos festivais nas áreas nas que se celebran. A súa afirmación está apoiada polos estudos que se fixeron o ano pasado sobre os festivais que forman parte da marca e que nos que se avanzará este ano, segundo avanzou o conselleiro. «Hai sectores como a loxística, transportes, turismo, comunicación, incluso a moda, que se están a beneficiar». A afirmación de Gutiérrez foi apoiada polo codirector do festival SinSal, Luis Campos, que engadiu que a asociación de festivais de Galicia, que tamén naceu hai un ano, permite profundar nas sinerxias, dar aínda maior calidade e profesionalizar o sector.

A marca Fest Galicia está dotada este ano con 350.000 euros en patrocinios para os festivais, nos que tamén se organizarán novas campañas de recuperación e reciclaxe de residuos e a prol do uso da lingua galega, ademais de accións especialmente dirixidas á mocidade, como unha ruleta con preguntas sobre Galicia que repartirá regalos, segundo salientou a directora xeral de Xuventude, Cris Pichel. Hai espazo para a diversión e tamén para a transmisión de valores, como a necesidade de reducir a produción de residuos a concienciación medioambiental. de Tamén se poñerá especial interese na concienciación contra a violencia sexual e machista. Segundo explicou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, as campañas do ano pasado chegaron a entre 6.400 e 6.900 persoas, o 70 % mulleres e con idades de entre 20 e 35 anos e de 30 a 45, dependendo do público obxectivo dos festivais.