Andrés Do Barro: pop en galego

FERNANDO F. REGO

CULTURA

ANDRÉS DO BARRO
ANDRÉS DO BARRO cedida

La Voz publica en exclusiva un adianto de «Unha historia dá música en Galicia. 1952-2018», o o capítulo adicado a Andrés Do Barro. Trátase do libro de Fernando F. Rego. que editará Galaxia o próximo 27 de xuño. Un ambicioso volumen que repasa a historia da música popular desde as orquestras ata os nosos días.

26 jun 2019 . Actualizado a las 16:58 h.

Na figura de Andrés Lapique do Barro (Ferrol, 1947-1989) está a xénese do pop en Galicia. Autor (letra e música) de catro números un nas listas de vendas nacionais -“O tren”, “San Antón”, “Corpiño xeitoso” e “Pandeirada”- en plena ditadura franquista. Unha fazaña tamén na historia dos idiomas oficiais en España. En catalán, Joan Manuel Serrat alcanzara o número un con “Cançó de matinada” (Edigsa, 1967) e con “Per ao meu amic” (Edigsa, 1973) en 1974 -repetiría nos anos 90 con Banda sonora d’un temps, d’un país (Ariola, 1996), pero falamos doutros tempos, e doutras cifras de venda- e Lluís Llach con Barcelona. Gener de 1976 (Movieplay, 1976) e “Campanades a morts” (Movieplay, 1977). Ademais, consegue que os seus discos se editen en multitude de países, coñecéndose edicións propias para o mercado portugués, alemán, mexicano e arxentino. A de Andrés foi unha carreira intensa que coñeceu rapidamente o éxito masivo. Un pop melancólico e atemporal con tinguiduras folk que co paso do tempo gañou frescura. Hoxe é reivindicado como unha referencia ineludible da música galega, como unha icona pop, reclamándose tamén a súa modernidade e o seu labor pioneiro na fusión da música popular co pop.

ANDRÉS DO BARRO
ANDRÉS DO BARRO

Andrés naceu en Ferrol o 1 de outubro de 1947. Fillo de Nicolás Lapique e Consuelo do Barro, era o sexto do sete fillos dun coronel de Intendencia da Armada, como declaraba Andrés a Pilar Urbano:

Na miña vida houbo dous elementos importantes: o mar e a familia. Na miña familia, hai unha tradición mariñeira moi arraigada. Teño irmáns, pai, tíos, avós […] bisavós mariños. Xente de mar, xente viaxeira. Tamén emigrantes, que foron a América, que necesitaban cruzar o océano, non porque necesitasen saír de casa para poder vivir. Eu estudei a carreira de mariño mercante. Quédame unha materia para acabala. Un bo día dixen, “zas!”, e deixeina. Non era o meu. Quizá por iso non me fixen mariño de guerra. Faltábame convicción. Na miña familia o golpe non encaixou ben. Foi unha desfeita. O meu pai pensou que eu buscaba facer o vago […]. Agora xa se deu conta de que a canción, con seriedade profesional, é importante e pode encher unha vida. É a miña vocación: compor cancións e cantalas 13.

Nos últimos anos cincuenta, Andrés trasládase coa súa familia ás Casas da Mariña da Porta Nova ferrolá, sendo veciño de Xavier Alcalá e Vicente Araguas. Foi ao colexio Tirso de Molina, onde coincidiría con Juan Pardo. Este era uns anos maior ca el, pero coñecíanse, e os seus pais eran compañeiros e amigos. O pai de Juan era almirante da Mariña, destinado en Ferrol, polo que pasou na cidade gran parte da súa infancia e mocidade. Ferrol era punto de encontro de militares de todas as rexións do Estado -fundamentalmente procedentes dos outros departamentos marítimos: Cádiz e Cartaxena, así como de gran cantidade de mozos que viñan aos múltiples cuarteis da cidade a realizar o servizo militar. Neste contexto, o galego, lingua que tanto amaba Andrés e pola que tanto loito ao longo da súa vida, non gozaba de moi boa saúde:

En Ferrol o idioma galego fálase menos, e quizá con menos pureza que noutras partes de Galicia, eu compensaba este “fallo” percorrendo a rexión. Os veráns pasábaos en Pontedeume, en contacto cos pescadores e xentes do campo. Tamén é certo que en Ferrol se vai corrixindo esa característica […]. Hai moitas persoas empeñadas no rexurdir da nosa lingua 14.

Durante os veráns, trasladábase, xunto coa súa familia, a San Martiño do Porto, en Cabanas, a uns quince quilómetros de Ferrol. Alí, pasaba as vacacións, e establece contacto co galego, un idioma que pasou a amar desde moi temperá idade.

Naquela aldea, os meus amigos eran os naturais do lugar. Deles aprendín moitas cousas que, de continuar dentro da miña educación familiar burguesa, sempre ignoraría. Aprendín o seu idioma, que é o meu, o que sente o meu corazón; aprendín a súa filosofía […]; aprendín a coñecer Galicia, que non pode ser nada sen todo iso 15.

No seu coñecemento do galego xoga un papel moi importante Cipriana, a muller que se encargaba das tarefas do fogar e de atender os nenos na casa de San Martiño. Ela, que só sabía falar en galego, descoñecía o castelán, introduciu o idioma na casa de Andrés.

IMÁGENES DE ANDRÉS DE BARRO DEL LIBRO «UNHA HISTORIA DA MÚSICA EN GALICIA»
IMÁGENES DE ANDRÉS DE BARRO DEL LIBRO «UNHA HISTORIA DA MÚSICA EN GALICIA»

Con trece anos destinan o seu pai a Bilbao, como comandante naval de Biscaia, e alí se traslada toda a familia.

Era a primeira vez que me ía fóra do que consideraba o meu. Alí, nos meus momentos de “morriña”, que foron moitos, e durante dous anos, preguntábame por que cometería a estupidez de coñecer a filosofía do meu pobo; se non fose así non o botaría tanto de menos. Así naceu en min o desexo de cantar, de desafogarme.

Un desexo que se ve cumprido un 6 de xaneiro, en que os Reis Magos lle traen unha guitarra, que comeza a tocar de maneira autodidacta. “Tardei moito tempo en aprender, pero xamais me preocupou facelo ben. Gustábame crear sons e notas estrañas. Tampouco me preocupei de cultivar a miña voz. Para que?” (16)

Logo viría unha estancia en Madrid, e Andrés comeza a tocar por Ferrol, Cabanas e Pontedeume para as súas amizades. A súa primeira actuación sería o 24 de xullo de 1968 na sala de festas do hotel Sarga, de Cabanas. Anúnciase como intérprete da Nova Canción Galega. A policía advirte ao propietario do local da necesidade de dispor dun permiso gobernativo previo para poder realizar a actuación. O dono non dispón del, polo que o acto queda cancelado. Xunto a Andrés ían actuar Xavier Álcala e Jemartínez Jover. A actuación tería fins benéficos.

Por todo iso, a súa primeira actuación nun escenario, diante do público, ten lugar o 14 de agosto de 1968 en Chantada, no cinema Yeca. Ese día actuaba a Coral de Chantada a beneficio das festas patronais. O chantadino José Manuel Silva Rodríguez terza para que Andrés poida tocar, e mesmo lle consegue unha guitarra prestada17. Andrés canta diante da pantalla de proxección, armado cunha guitarra acústica, e coa perna apoiada sobre un barril de viño que facía de tallo. O público, en silencio, preguntábase quen era aquel mozo, vestido cunha cinguida camisa branca e unhas frondosas e longas patillas. Tenta acceder ao mundo discográfico para poder publicar as súas cancións. O primeiro intento prodúcese a través do selo Edigsa: “Andrés do Barro mandara unha maqueta a Edigsa, a compañía discográfica na que nós gravamos os nosos primeiros temas, que, polas razóns que for, non chegou a interesar a esta editorial”, comenta Xoán Rubia.

Xavier Alcalá xoga un papel importante nese momento. Anímao a loitar pola súa música, fórzao a facer unha proba para ver se RCA estaba interesada en editar as súas composicións:

Estiven fatal, do todo […] pero polo visto na casa de discos deben ser moi caritativos porque dixeron que si. Entón, cun contrato no peto, deime conta de que a música significaba xa a miña vida” (18).

 Así chega a súa primeira gravación, o EP Por non poder / A uns ollos verdes / Homes / Deixa que chova (RCA, 1968), que non ten moito éxito. A pesar de ser un traballo prometedor, o disco non se promociona en absoluto e, por tanto, as vendas son escasas. “RCA nunca creu en min. O meu primeiro disco caeu no baleiro. Moitas tendas nin o pediron por ignorar a súa existencia […]. Gravei cun orzamento ridículo. Levei moitos desgustos”19, comentaba. Véndense uns trescentos exemplares, pero tras o éxito de “O tren”, a cousa mellora, vendéndose todo o material que RCA tiña no almacén, ao redor de dúas mil copias. Todo cambia o 3 novembro de 1969, día sinalado en que aparece o single que contén “O tren”, entrando directamente no número un en España, e sendo a primeira canción en galego en conseguilo (20). Posteriormente, Siniestro Total faría unha versión que incluirían no disco Siniestro Total II (El regreso) (DRO, 1983). É importante destacar que non utilizou o galego como arma política, só buscaba, como afirma no seu primeiro disco, dignificar o seu idioma materno, reivindicar un lugar para o galego na música popular: “Chámome Andrés Lapique do Barro e preséntovos unhas cantas das miñas cancións. Hoxe son en galego porque así as sentín e porque quero colaborar con todo interese e agarimo a dignificar o meu idioma materno, caído durante moitos anos no máis cruel menosprezo”. Tampouco buscou a popularidade, senón que esta veulle por accidente, e quizá non fose capaz de asimilala.

“O tren” é a viaxe á terra prometida, é o vehículo cara á saudade, cara á Galicia física, espiritual e sentimental. Galicia encarna a terra da felicidade e o amor máis puro, estar lonxe dela produce unha dor inmensa ?“Pasei moito tempo sen lar, lonxe de aquí; foron mil noites cheas de soidá”?. Nesta canción está escondido o sentido da vida, atopar o amor e a felicidade na túa terra, no teu refuxio no mundo:

Alguén pode ser que me espere na estación

na terra da felicidad.

E todo o que sexa amor e paz

o atouparei eu o terei

ca miña moza no meu lar.

 

A súa música encerra tristeza, serenidade, sinxeleza e pureza. É un refuxio cálido e seguro, un billete de ida á casa, aínda que te atopes a miles de quilómetros dela. É un calafrío na alma, o pranto interior… a emoción. Unha canción que rapidamente pasa a formar parte da cultura popular. Utilizou un pop contaxioso con reminiscencias folk en que a súa voz transmite emocións, e a súa delgada figura fraxilidade, como un Tim Buckley galego, con ollos tristes e mirada desvalida. Pronto chega, producido por Juan Pardo, o seu primeiro LP: Me llamo Andrés Lapique do Barro (RCA, 1970) e rapidamente convértese nun ídolo con temas como “O tren”, “Corpiño xeitoso” e “San Antón”. Trátase dunha das obras cume da música galega. Un disco que permanece á marxe do tempo e a distancia, nun espazo atemporal que se se visita ten consecuencias emocionais moi serias.

Un universo propio de saudade, nostalxia, melancolía e emoción. O 25 de febreiro de 1969, Andrés comentaba nunha das súas primeiras intervencións públicas: Ultimamente estou a facer cancións de todo tipo para poder chegar a todas as xentes. Esta é a miña idea; cancións de amor, sociais e de todo tipo de contidos e de músicas, desde as máis melódicas e suaves ata as máis psicodélicas pasando polo folk-song. Quero facer da música galega que sexa para toda a xente, tanto para os ye-yés das maiores salas de festas ata para o último labrador que vai á charanga no patrón do pobo. Teño aínda moito que aprender, pero tamén moita fe e moitos anos por diante […].

Esta declaración de intencións é tamén unha descrición moi precisa da súa música. “O tren” é o corte inicial. “Os coros de ‘O tren’, o famoso (pipi- pi-pi-pi), eran Juan Pardo, Emi de la Cal, Camilo Sesto e a miña nai, que taparon o micrófono”, afirma a súa filla, Andrea

Lapique. “Recordo que na gravación do disco participou moita xente. Por alí estaba Camilo Sesto, xente de Los Botines, tamén algúns de Queimada […] moitos achegaron coros, outros palmas…”, comenta Alfredo Mella (Los Sprinters).

Micky iniciaba a súa carreira en solitario en 1970 tras o fin de Micky y Los Tonys, e firma por RCA. Gravaba “El chico de la armónica” (RCA, 1971). “Necesitabamos coros e Ándres estaba a gravar no estudio á beira do meu. Fernando Arbex escoitaba os coros de Andrés e solicitounos, e son os que quedaron gravadas na primeira versión, e ademais a máis exitosa, de ‘El chico de la armónica’. Son unhas voces infantís, case femininas… puerís”, lembra Micky. “Corpiño xeitoso” e “San Antón” son xoias imperecedoiras do pop en galego. Auténticos hits que armados con arranxos de guitarra e baixo moi sinxelos alcanzan toda a efervescencia do pop. “Vou a Bueu” é o corte máis experimental do álbum, un corte que podemos catalogar de proto hip hop con cadencia folk debido á súa base bombo-clap que lembra o hip hop actual. Todo iso aderezado cun coro que vai in crescendo ata que volven os aires máis pop. O sétimo corte, “Teño saudade” é outro dos seus mellores temas. Outro tema xa universal cunha melodía inmensa e unha letra preciosa composta por Andrés do Barro, coa colaboración de Xavier Álcala. Unha canción que adoita catalogarse como “A Garota de Ipanema” da música galega. O disco péchase co triste “Adeus, adeus”, melancólica canción tocada cun simple piano mentres a Coral de Chantada21 canta solemne “Adeus, adeus”.

O repentino e inesperado éxito que chegou con “O tren” lévao ao cinema en En la red de mi canción (Mariano Ozores, 1971), xunto a Concha Velasco e Los Sprinters -a súa banda de acompañamento-, nunha aventura cinematográfica que fracasou e na que foi dobrado por un actor de dobraxe profesional, aínda que as súas cancións mantiñan a súa voz. A carreira de Andrés vai vento en popa e entre febreiro e marzo dese 1971 realiza a súa primeira xira por América. Visita a Arxentina e o Brasil. Os cantantes españois empezaban a gozar dun gran cartel en Hispanoamérica. Primeiro exportouse o cinema. A imaxe e a voz de Joselito, Marisol, Sara Montiel ou Rocío Dúrcal abriron un mercado, ao que a continuación lle seguiu o mundo da canción. A viaxe dura vinte e cinco días. Un paso importante na súa carreira xa que se trataba da primeira vez que cantaba fóra de España. Con respecto á súa experiencia arxentina, Andrés comentaba: “En Buenos Aires tomei parte en varios programas de televisión, do show de Pipo Mancera; tamén fixen televisión en San Lorenzo de Almagro, actuei en bastantes salas de festa, atopeime con moitos galegos, que acudiron a aplaudirme… Foi unha bonita experiencia” (22). Na Arxentina distribuíuse xa “Corpiño xeitoso” e “San Antón”. “Dei un recital no estadio de fútbol de San Lorenzo de Almagro, ante unhas trinta mil persoas. Foi algo grandioso, que me deixou impresionado” (23).

Ao principio na Arxentina pensouse que a súa música era brasileira, unha confusión perfectamente entendible, se temos en conta a sonoridade do galego e do brasileiro. Ese mesmo ano sae Pum! (RCA, 1971), consolidándose con temas como “Pandeirada” e “Meu amor”. Andrés alcanza catro números un de vendas cantando en galego, case nada. Este segundo LP grávase en Roma, nos estudios de RCA da capital italiana. Andrés tamén grava o disco en italiano, así como cancións emblemáticas do seu repertorio como “O tren” -“Strada ferratta”-. A idea de RCA era lanzalo no mercado italiano para posteriormente movelo polos EUA. A morte do pai de Andrés é un golpe moi duro que frea este lanzamento e que o afasta dos escenarios durante un longo período. É unha auténtica mágoa que se perdesen as gravacións en italiano. Andrés toca teito con “Pandeirada”, de novo número un. Outra cima do pop folk galego, unha canción que representa a grandeza do pop, que ten a capacidade de trasladarnos ao campo de calquera festa, traendo imaxes de copas cheas, sorrisos e bailes ata o amencer. The Kinks e o seu “Come dancing” non están tan lonxe. Do Barro mantén os ingredientes principais que o levaron directamente ao éxito co seu primeiro LP, estes non son outros que a simplicidade e a frescura. O seu son aquí está máis depurado e hai unha maior variedade de estilos. Así, por exemplo, en “Un pouquiño mambo… ou así” atrévese cun mambo en galego que leva totalmente ao seu terreo con versos como: “O día e noite fun cantando e fun pensando que non sei se era un mambo ou calquera outra cousa así”. Tamén atopamos certeiras cancións lixeiras de saudade -“Meu amor”, “A uns ollos verdes”- e enormidades como a homónima “Pum”. Nunha entrevista de Ángel Casas para a revista Fotogramas no ano 1971, Andrés explica a súa relación con ese éxito repentino que xera un auténtico fenómeno fan e que o leva a recibir mil cincocentas cartas persoais semanais: “Eu non busco o éxito nin creo que cantar en galego sexa unha cousa segura […]. Eu non son un tío guapo nin creo que os meus discos se vendesen por iso […]. Non son un cantante para quinceañeiras, son un cantante para toda a familia. A miña ilusión é posuír unha granxa en Galicia e gravar un disco ao ano”. Un éxito que ao cabo sería efémero e que traería consigo un descenso tan vertixinoso como a súa subida. A finais de 1971 xorden unha serie de rumores que o colocan no abano de posibles candidatos para asistir ao festival de Eurovisión. Andrés afirma que a temática do festival non está na súa liña e móstrase remiso a asistir no caso de que fose seleccionado. Participa, iso si, no XIV Festival Internacional da Canción de Benidorm, edición que se celebrou os días 15, 16 e 17 de xullo de 1972 na praza de touros do municipio alacantino, e que nesta edición trouxo consigo unha importante novidade: nas edicións anteriores, cada canción presentada a concurso era interpretada en dobre versión, é dicir, por dous artistas distintos. Nesta edición, decidiuse que só participaba un. Andrés presentou “Las enamoradas”, que sería defendida polo intérprete Federico Cabo. O de Badaxoz xa gañara o VII edición do festival, en 1965, con “Tu loca juventud”. O tema sería incluído por Pedro Almódovar na banda sonora de Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón (1980), a súa primeira película. Andrés do Barro queda en terceiro lugar. A Sereíña de Bronce viña acompañada de 50.000 pesetas para o autor e 25.000 pesetas para o intérprete. Admirador da súa música, Miguel Ríos proponlle realizar unha xira conxunta, bautizada como “Conciertos de rock y saudade”, que incluía unha serie de dez ou doce recitais en prazas de touros, campos de fútbol e palacios de deportes. Nacía unha sociedade temporal para levar a súa música ao gran público, facendo fincapé naquel que normalmente non ía aos seus concertos, ou ben polo excesivo prezo das entradas ou porque non tiñan a idade para entrar nos locais en que habitualmente ambos tocaban. O espectáculo debía chegar ao maior número de mozos posible e a prezos populares. Finalmente, a xira non se realiza, a pesar de anunciala en diversos medios nacionais.

Nese 1972 tamén viaxa a México, realizando unha grande actuación o 3 de marzo na inauguración do hotel Aristos. Cantou en galego, nun local ateigado de emigrantes que aplaudiron prolongadamente e que se emocionaron moito ao volver escoitar a súa lingua nai. Permanece en México durante mes e medio e nos estudios de RCA en México D. F. grava o single Amor D. F. (Distrito Federal) / Quiero hacer mi casa en el cielo (RCA, 1972), coa colaboración de José Luis de la Fuente (batería), Jesús Moll (guitarra e frauta), Fernando Caballero (baixo), Joan Giralt (órgano) e o grupo de gaitas do Centro Galego de México D. F. O seu terceiro LP, Andrés do Barro (Belter, 1974), chega tras profundos cambios que terminan afectando a súa música e que lle fan perder a súa frescura. Primeiro prodúcense cambios nos músicos que o acompañan -só mantén a Chupi (batería)-, despois cambia de discográfica, establecéndose en Belter, un selo en que ou mantiñas un gran nivel de vendas ou non existías. Para facernos unha idea, o seu artista de máis éxito era Manolo Escobar, que o ano anterior lanza Y viva España (Belter, 1973), do que terminaría despachando varios millóns de copias. Belter non lle dedica a atención necesaria nin acerta coa produción dun disco que nas mans adecuadas tería moito máis brillo.

 Aquí moitas das cancións pérdense entre arranxos que buscan unha falsa modernidade, achegándose á música lixeira carente de emoción. Andrés móstrase como un crooner baladista que se achega a novos estilos, como o vals peruano. Faino nunha das grandes cancións do disco, “Para eso somos dos”. Coros femininos, cordas intensas e un retrouso certeiro… “Y es por ti, que quiero yo vivir mi amor / tener tu voz y tu canción cerca de mí”. Belter lanza o corte como single, con “Yo no sé” como cara B. “Mi pequeño pueblo” gravaríaa en castelán e galego, aínda que no LP se incluíse en castelán. Trátase dun deses temas tan característicos en Andrés, en que coa vista posta en Galicia, e coa emigración na mente, realiza un retrato da volta á casa tras anos fóra, atopando ruínas e ausencias, persoas marcadas polo estigma da emigración que len as cartas dos seus fillos que chegan de América. Considero un acerto os elementos orgánicos que se inclúen, como ese fluír da auga que aparece en varias ocasións, que conseguen unha grande ambientación. Os desenvolvementos rítmicos electrificados o tema non son tan adecuados, aínda que no seu momento considerábanse un signo de modernidade, fan que o corte perda intensidade. E é que o gran lastre do disco é unha produción pouco acertada.

“Yo no sé” comeza con ecos e voces de fondo, recollidas durante o proceso de gravación. Alguén di: “Procurad no seguir el ritmo con los pies, porque se escucha luego. Estad atentos y hasta que no quitemos la luz roja, no hagáis ruido”. A continuación as guitarras electrifícanse, escondendo en moitos momentos a voz de Andrés. Claramente, a produción de Belter estaba enfocada cara á modernización da súa música, algo que presenta, neste caso, un importante hándicap, e é unha grandilocuencia excesiva nos desenvolvementos rítmicos. As cancións de Andrés que mellor funcionaron foron sempre as máis sinxelas e directas. En “A rapaciña chora”, con todo, os arranxos psicodélicos funcionan, engadindo novos matices evocadores a unha boa interpretación. Pero en “Llegaba la primavera” volve a sobreexposición das guitarras e uns riffs inadecuados. “Manuela” é unha das cimas do disco e unha das súas mellores composicións. A mostra de que aínda que chovese, Andrés era capaz de mostrar o seu mellor sorriso, de mostrar a súa gran sensibilidade: “Miraste alguna vez las estrellas, Manuela / yo te vi tantas noches seguidas en ellas”, e facelo sen ocultar o seu verdadeiro estado de ánimo: “Ves aquella pequeña en la que yo quiero esconder mi llanto / por eso me levanto así de la tierra”. A “Si vienes a San Simón” parece que lle falte fol, os sintetizadores fan de gaitas e a voz de Andrés volve soar sen forza. Para compensar, pecha o disco “Me estoy volviendo loco”, unha das mellores cancións: suavidade, sinxeleza e nudez emocional.

IMÁGENES DE ANDRÉS DE BARRO DEL LIBRO «UNHA HISTORIA DA MÚSICA EN GALICIA»
IMÁGENES DE ANDRÉS DE BARRO DEL LIBRO «UNHA HISTORIA DA MÚSICA EN GALICIA»

O seu terceiro LP sae ao mercado con moita polémica, producíndose un enfrontamento entre Andrés, os produtores e Belter. O disco conta coa dirección e realización de Ángel Velázquez e Izaguirre Jr. A Andrés non lle convence o acabado do disco. Non lle gusta o tratamento que fan dos temas nin os arranxos que introducen, polo que decide volver gravar as cancións. Pero Belter, sen o seu permiso, puxera no mercado a primeira gravación, polo que se perdía o impacto que Andrés quería conseguir no público, presentando un son renovado co que pretendía retomar a senda dos éxitos. No ocaso da súa carreira, estamos en 1974, saen ao mercado dous recompilatorios de cancións antigas e inéditas súas que apenas teñen difusión e que pasan practicamente desapercibidos. Existen moi poucas copias deles. Ambos levan por título o nome do cantante ferrolán (24). Dous traballos realmente imprescindibles para coñecer o que nos podería deparar

Andrés, repletos de cancións inéditas soberbias. Hai aproximacións á bossa nova que traen suavidade e tropicalismo -“Como o meu corazón é”-, cancións que poñen un nó no estómago e que se atopan entre as súas mellores composicións -“Namoreime no Ferrol”-, cortes cantados sobre a area cunha fogueira preto -“Noite de queimada”- e desenvolvementos góspel como “Para ti, Xesucristo”. Con esta última consegue levar ao terreo persoal da canción de autor a canción relixiosa, dándolle unha verniz pop e góspel. Outra inédita é “Un hombre feliz”, un corte que hoxe encadrariamos na etiqueta americana, é dicir, folk americano con cadencia country, coros suaves de mozas e ritmo de taberna. Outro corte escondido é “Miña pequena vila”. Entre un son orgánico de auga e o canto dun grilo, Andrés con gran nudez, canta “miña pequena vila / vaise morrendo”, e un pensa en Ferrol, en San Martiño do Porto… pensa na emigración, no paro e no abandono. A todo iso canta Andrés, cunha naturalidade tan grande que doe. Andrés conseguiu modernizar moitos aspectos da música galega, posiblemente de forma inconsciente, porque a el as cancións saíanlle soas. Pero os seus achegamentos en galego á bossa nova ou ao folk americano, desde unha perspectiva pop, son vangardistas na música galega. Los Tamara puxeron os cimentos, pero non deixaron de ser unha orquestra. Andrés chega máis aló, chega a dotar ao pop en galego de sonoridades propias e establece importantes camiños que seguir. De forma directa ou indirecta, moitas propostas actuais como o tropicalismo vangardista de Emilio José, son debedoras da súa música e dos seus avances.

 As cousas en España eran cada vez máis complicadas, polo que Andrés decide viaxar coa súa familia a México. Elixiu o país azteca porque gardaba un bo recordo da súa viaxe profesional do ano 1972. Aquela viaxe fora un éxito de público e o país conseguiu roubarlle o corazón. De feito, manifestaría en moitas ocasións que México era a súa segunda patria. Permanecería no país desde 1976 a 1980, cando volveu a España, establecéndose na Coruña, onde chegaría a ter un programa de radio na FM de Nonito Pereira, Radio Feliz FM 88-Emisora das Rías Altas. “Non me interesa o futuro. Tampouco entendo de economía. O que quero é seguir falando á conciencia dos individuos. Non falo de política, só de humanidade. A fortaleza de espírito está conxugada coa suavidade da lingua galega. Este é o ingrediente principal das miñas cancións” (25), comentaba en 1978. Quería seguir gravando cancións, pero sen selo discográfico, e con managers que máis que axudalo, aproveitáronse todo o que puideron, levantar cabeza era difícil.

Tras a súa volta de México, Andrés achegouse con Paula á emisora para contarlle a Nonito os seus novos e esperanzados proxectos de futuro. Gravara as cancións do que sería o seu cuarto LP e buscaba vender o máster a algunha discográfica para relanzar a súa carreira de novo. “Traía novas cancións cuxa cinta máster dixo gravar en México e pola que pedía 2.000.000 de pesetas. Andrés buscaba axuda para ofrecela ás compañías discográficas e eu tenteino…” (26) Paula López, a muller de Andrés, afirma que a gravación ten lugar en Madrid, non en México, nun estudio situado na rúa Alonso Cano. O certo é que non conseguen que ningún selo aposte pola gravación, polo que a súa volta a España non comeza da mellor das maneiras. O máster estivo desaparecido durante anos.

 A idea que se tiña inicialmente é que se trataba de oito cancións que aínda hoxe permanecen inéditas -a familia dispón de cinco desas oito cancións-. Con todo, no caderno persoal de Andrés, atopamos unha listaxe da súa propia man de dezaoito cancións: “Agua del desierto”, “Es tu forma de querer”, “Vou disimulando”, “Así é a miña vida”, “Más difícil todavía”, “O avión”, “Qué lejos fui”, “Para una rapaza de cinco anos ou máis”, “Meu país”, “Tú eres la voz y la imaginación”, “Me estoy enamorando de ti”, “Como pedra do muíño”, “Arco iris”, “Solo un baile contigo”, “Te pasó por mirar al cielo”, “Non quero máis ficar eiquí”, “A luz do Atlántico”, “No, no tengo nada”27. Tamén nese caderno, están as letras da maioría destes cortes. De súpeto vén o silencio, actuacións esporádicas e un ídolo caído no esquecemento. O silencio é total un triste 22 de decembro de 1989 coa súa morte en Madrid a consecuencia dun tumor hepático. Morría un dos grandes arquitectos do pop en galego, deixándonos como legado unha puñada de cancións eternas. Postumamente, sairían os recompilatorios A saudade na memoria (BMG, 2001) e Todas sus grabaciones en RCA 1969-1972 (Rama Lama, 2003), un dobre CD que recolle todas as súas gravacións nesta compañía.

IMÁGENES DE ANDRÉS DE BARRO DEL LIBRO «UNHA HISTORIA DA MÚSICA EN GALICIA»
IMÁGENES DE ANDRÉS DE BARRO DEL LIBRO «UNHA HISTORIA DA MÚSICA EN GALICIA»

En 2007 organízase o Manifesto Dobarrista. Unha iniciativa promovida por Noel Feáns (A Regueifa) que pretendía pór de manifesto a vixencia do legado que Andrés nos deixou, así como reivindicar a súa figura como unha icona pop e o seu compromiso cultural e “político” coa defensa da lingua galega. Para iso, o selo Falcatruada -en colaboración coa plataforma A Regueifa e Lonxa Cultural- reúne trinta formacións e intérpretes da escena musical galega, que renden tributo ao músico ferrolán da mellor maneira posible: revisando o seu catálogo de composicións e editando a homenaxe en dous CD: Manifesto Dobarrista: un disco tributo a Andrés do Barro (Falcatruada, 2007). O Manifesto Dobarrista celebra o seu día grande no teatro Jofre de Ferrol o 15 de maio de 2007, coa celebración da gala “Saudade de ti”, nun teatro cheo. A TVG grava o acontecemento para emitilo posteriormente o 2 de xuño. Con tanto éxito de audiencia que volverían emitilo por segunda vez. Un ano despois estréase o documental O tren que me leva, dirixido por Anxo Fernández e con guión deste e Xavier Alcalá.

En 2015, un servidor decídese a publicar a súa biografía oficial: Andrés do Barro: Saudade. Andrés do Barro. El músico que llevó el pop gallego al número uno de ventas. Un traballo que conta co prólogo do seu fillo maior, Andrés Lapique López.

 NOTAS

13. Mundo Joven. Entrevista de Pilar Urbano a Andres do Barro, 16-I-1971.

14. Mundo Joven 65. Entrevista de José María de Juana a Andres do Barro, 27-XII-1969.

15. Jordi Sierra i Fabra e Martin J. Louis. Mitología pop española. Ediciones Marte, 1973.

16. Fernando Fernández Rego. Andrés do Barro. Saudade. Lafonoteca, 2015, pp. 7-8.

17. “Voces chantadinas no primeiro disco de Andrés Dobarro”. La Voz de Galicia (Lemos), 9-XI-2014.

18. Sierra i Fabra e Louis, 1973.

19. Entrevista de Pilar Urbano en Mundo Joven, xa citada.

20. “La charanga” de Juan Pardo alcanza o número 1 en vendas en outubro de 1969, antes que “O tren” de Andrés do Barro; pero é importante deixar claro que a canción de Juan Pardo edítase primeiro en castelán. O caso foi que Zafiro-Novola non vía claro o feito de editar o single en galego, como pretendía Juan Pardo. O propietario do selo, Esteban García Morencos, un peso pesado na industria da época -no seu catálogo tiña a artistas como Serrat, Massiel e Los Brincos-, tratou de convencer a Juan de editar a canción en castelán. Este aceptou, pero esixiu que saíse ao mercado ao mesmo tempo que a versión en galego. Pero o pacto incúmprese. O selo decide sacar pola súa conta “La charanga” en castelán, e sen avisar. O cabreo de Juan foi enorme, tan grande que, ante as súas ameazas de irse a outro selo, publicouse inmediatamente tamén en galego -a portada é a mesma, pero á beira do título aparece o subtítulo “versión galega”-. Como represalia, Juan xamais cantou en público a versión en castelán. “La charanga” alcanza o número un da lista de vendas durante o mes de outubro de 1969, pero faino a súa versión en castelán. As vendas do single en galego son residuais en comparación coas da versión en castelán.

 21. O 5 de maio de 1970 a coral desprázase a Madrid, aos estudos de RCA, para gravar as voces para o novo disco de Andrés. Aproveitan a viaxe, e o enxeñeiro de son, José Raso, grava “Airiños do meu lugar”, “Noite de paz” e “O carrapuchiño”. A implicación de Andrés coa Coral é tan grande, que mesmo se erixe como produtor do seu single Himno galego / Adeus, adeus (RCA, 1971).

 22. “Volvió Andrés do Barro”, Semana 1622, 20-III-1971, p. 19.

 23. Entrevista de Román Orozco. Madrid (diario), 9-III-1971, p. 17.

 24. Trátase de Andrés do Barro (Belter 22.805, Dep. Legal B.15253/74, 1974) e Andrés do Barro (Belter 23.111, 1975). No primeiro poño o depósito legal debido a que presenta a mesma referencia que o seu terceiro LP homónimo (22.805), pero ambos teñen distintos depósitos legais.

25. Blanco y Negro, 15-II-1978, p. 46.

26. Nonito Pereira. “A la memoria de Andrés Lapique do Barro: mis vivencias…”, 30-IV-2014. http://nitope.blogspot.com.es/.

27. Fernández Rego, 2015, pp. 198-199.