Tonhito de Poi: «Son un explorador»

CULTURA

PEPA LOSADA

O músico, a piques de facer os 50 anos, sacou outro disco vinculado ás súas experiencias no Amazonas

18 jun 2019 . Actualizado a las 16:41 h.

Unha hora con Tonhito de Poi (Ribeira, 1969) é moito. Pero moito, eh? Fala, ri, canta, bracea... Nun hotel de Santiago explica as súas experiencias na selva amazónica, que protagoniza o seu último disco e boa parte da conversa. Tonhito non defrauda: é o que todos pensamos que é. Ocupa tanto espazo que, cando se vai, nótase un baleiro.

-O seu novo disco, «Non hai onde esconderse», está moi influenciado pola selva amazónica...

-Xa fixen tres viaxes de varios meses e penso que ir á selva faime mellor músico.

-Cando foi a primeira vez?

-No 2012. Xa dera unha volta ao mundo, atravesara Panamá, estivera no Brasil... Pero ir á selva virxe é outro tema. É como ir a Marte, unha aventura de verdade. Na selva hai sinfonías que se escoitan de noite. Volvín hai dous anos, que foi o tempo que me levou facer este traballo.

-Di que o forma un disco, un libro e unha cervexa... Que funciona mellor?

-A cervexa, ha, ha. Cando foi a presentación igual se venderon 50 discos, e as cervexas acabáronse todas e fixérase un barril especial de 2.500 litros. Ten un ingrediente da selva que se chama açaí. Pero estou moi contento co disco.

-Xa está a piques de facer os 50. Algunha conclusión?

-Iso non me afecta. Fisicamente atópome mellor ca nunca. Cada vez estou máis forte e máis atento. Eu fago o Desafío Illas Cíes, nado ata Vigo... Co meu pelexo pódense facer botas campeiras.

-Fará unha boa festa...

-Non son moi bo organizando eventos, ha, ha. Farei un concerto para os amigos.

-Xa é hora de que deixen de chamarlle Tonhito...

-Cada vez me gusta máis. Cando sacamos o primeiro disco démonos conta de que podiamos chamarnos como quixeramos. Eu pensei en poñerme Kevin Joshua, ha, ha. Ao final decidinme polo nome polo que me chamaran toda a vida.

-E segue cos Heredeiros da Crus...

-Si. E imos sacar un disco brutal, que vai ser o mellor da súa historia.

-Houbo un momento que, con todos aqueles grupos, parecía que viña algo novo.

-Foi cando os medios apostaron polo noso. O Xabarín foi moi importante. Suso Iglesias colleu a toda a rapazada, fíxolles videoclips e sacounos ao mundo. Nós pasamos de tocar enriba dos amplis por unhas cervexas a termos un caché. Ata xerou unha industria.

-Pero foi unha ilusión.

-Porque non houbo continuidade. Se a houbera non teriamos que darlle dez mil euros a ninguén para que viñera facer un playback aquí.

-Diría que houbo unha involución dende aquela?

-Iso é indiscutible. A todos os niveis. Por exemplo, eu sempre me baño en bólas. Para min é ridículo ir con roupa a bañarme, non lle parece?

-Continúe, continúe.

-Antes había cantidade de praias nudistas e agora cada vez hai menos. Xa só por iso...

-Vostede foi patrón de barco.

-Aínda o son. Iso non se quita. Agora igual me espicho na primeira curva, pero si, estiven navegando.

-Pescando.

-Cale a boca, que aínda teño pesadelos con iso. É un traballo terrible. Xa só o non durmir é tremendo.

-No rock and roll tamén se dorme pouco.

-Pero é distinto. Imaxina traballar con extenuación durante 30 ou 40 horas seguidas polo que sexa, e logo vaste deitar e á media hora xa te chaman outra vez... Estálache a cabeza. O de non durmir é moi serio. E logo, eu estudei unha cousa que só vale para navegar. Un patrón en terra non serve de nada. E verme abocado a aquel traballo para toda a miña vida... doíame na alma.

-Cal foi o día no que máis se divertiu?

-Sen dúbida, unha viaxe que fixen co batería de Los Suaves ata Asturias. Eu non o coñecía apenas e non me podía imaxinar o simpático que era. Estiven rindo toda a viaxe.

-E cal foi o concerto que non esquecerá?

-A primeira vez en Castrelos. Pasamos de tocar en bares para apenas trinta persoas a facelo en Castrelos.

-Coñece algo mellor que o sexo?

-Mmmm... [Fai que o pensa]. Non, ha, ha.

-Defínase en poucas palabras.

-Aprendiz de bruxo.

-E agora, Galicia.

-O centro do universo.

-Que lle recomendaría visitar a un amigo que non coñecera Galicia?

-Que subise ao Pindo e que se mergullase en Sálvora.

-Que lle gusta facer cando non traballa?

-Eu son un explorador. Encántame descubrir cousas, a nivel musical e... a música é o que me guía.

-Celta ou Dépor.

-Non son nada amigo do fútbol. Dáme igual froita que verdura.

-De que se arrepinte?

-Realmente de nada. Se son o que son é grazas a todo o que fixen.

-Dígame unha canción.

-The trooper, de Iron Maiden. Foi a canción que me cambiou, a que me decidiu a facer rock and roll.

-Que é o máis importante na vida?

-Estar atento.