Galicia acollerá por primeira vez o Códice Calixtino do Vaticano

H. J. PORTO REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O exemplar santiagués. Volume miniado do «Códice Calixtino» que se conserva na catedral de Santiago, nunha imaxe tomada cando a Unesco incluíu o libro no Rexistro da Memoria do Mundo
O exemplar santiagués. Volume miniado do «Códice Calixtino» que se conserva na catedral de Santiago, nunha imaxe tomada cando a Unesco incluíu o libro no Rexistro da Memoria do Mundo PACO RODRÍGUEZ

Unha grande exposición reunirá no Gaiás xoias bibliográficas como o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana

12 jun 2019 . Actualizado a las 21:35 h.

O Códice Calixtino e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana viaxarán desde Roma a Galicia por primeira vez para se exhibiren nunha ambiciosa exposición que acollerá no mes de novembro a Cidade da Cultura: «Galicia, un relato no mundo», unha mostra que servirá como fito internacional no inicio das celebracións do Xacobeo 2021.

Estes dous préstamos quedaron acordados onte na viaxe italiana do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, quen, acompañado polo secretario da Congregación para os Institutos de Vida Consagrada e as Sociedades de Vida Apostólica, monseñor José Rodríguez Carballo, pechou o convenio co arquivista da Biblioteca Apostólica Vaticana, monseñor José Tolentino de Mendonça.

Da relevancia destas primeiras pezas fala o feito de que o Liber Sancti Iacobi do Vaticano sexa un dos catro únicos códices procedentes do Calixtino compostelán que están iluminados e un dos cinco que conteñen a versión completa, co orixinal do Arquivo da Catedral de Santiago, e as copias da British Library de Londres, a Biblioteca Universitaria de Salamanca e a Biblioteca Nacional de España en Madrid. O libro permite observar detalles gráficos perdidos no orixinal galego, como é o propio rostro do emperador Carlomagno.

En canto ao Cancioneiro da Vaticana, baste dicir que recolle 1.205 cantigas dos máis emblemáticos nomes da tradición galaico-portuguesa como Afonso X o Sabio, don Dinís, Paio Gomes Chariño, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Mendiño, Airas Nunes e Afonso Paez de Braga.

As 1.205 cantigas. Detalle do folio do «Cancioneiro da Vaticana» que recolle a cantiga de amigo de Mendiño «Sedia-m’eu na ermida de San Simión», entre as máis importantes da lírica galaico-portuguesa
As 1.205 cantigas. Detalle do folio do «Cancioneiro da Vaticana» que recolle a cantiga de amigo de Mendiño «Sedia-m’eu na ermida de San Simión», entre as máis importantes da lírica galaico-portuguesa

Esta recompilación é, xunto co Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, un dos corpus nos que se garda a lírica galego-portuguesa medieval. Trátase dunha obra cun excepcional valor simbólico para Galicia, pero tamén central na tradición literaria de Europa, xa que «a lírica galego-portuguesa, coa poesía na lingua de oc (Occitania) e de oïl (norte de Francia), foron as primeiras expresións literarias en lingua romance do continente», como lembra a Xunta.

A exposición do Gaiás mostrará pezas esenciais da cultura galega -sobre todo, xoias documentais e bibliográficas, pero tamén artísticas-, entre as que se atopan moitas obras que viaxarán por primeira vez a Galicia grazas ás colaboracións que se están a xestionar con prestixiosas institucións de Europa e América. Nas próximas semanas irán dándose a coñecer. Segundo fontes do Gaiás, pola importancia das pezas, será o máis relevante proxecto desenvolvido na Cidade da Cultura. O conselleiro tamén incidía nesta idea: «Se o pergamiño Vindel ou A derradeira leición do mestre de Castelao foron dous grandes logros para Galicia, esta nova mostra suporá un fito cultural moi notable».