O Gaiás acollerá máis de 500 intérpretes de bandas de música nunha nova edición do Serán

Redacción / La Voz

CULTURA

Detalle dunha das actividades da primeira edición do Serán celebrada no Gaiás, que se dedicou a un Encontro Galego de Cultura Popular sobre o baile e a música tradicionais
Detalle dunha das actividades da primeira edición do Serán celebrada no Gaiás, que se dedicou a un Encontro Galego de Cultura Popular sobre o baile e a música tradicionais XOÁN A. SOLER

O festival quere poñer en valor a súa relevancia artística e o seu labor social e docente, que desenvolven formando no seu seo ás novas xeracións de músicos

12 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Desta volta tócalle ás bandas de música. Máis de medio milleiro de intérpretes chegados de formacións de toda Galicia veranse no Gaiás -do 28 ao 30 de xuño- para participar no Serán’02, segunda edición do Encontro Galego de Cultura Popular. Promovido pola Xunta, retorna á Cidade da Cultura de Galicia na procura de impulsar e pór de relevo a cultura galega de base. Busca repetir o éxito da súa primeira entrega, que -dedicada ao baile e á música tradicionais- congregou máis de 7.000 asistentes.

Un avance do programa presentouse onte no xardín do teatro do Gaiás, coa participación do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), Iván Estévez, e o director artístico do Serán, Quique Peón. No colofón, a Banda de Música Municipal de Valga interpretou un breve repertorio.

Ao longo das tres xornadas, o certame despregará un intenso programa con concertos de diversas bandas de música galegas, incluíndo un man a man entre as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia (A Coruña e Santiago), e concertos de formacións infantís e xuvenís.

Outro dos pratos fortes será o Baile Irmandades da Fala, que convidará aos asistentes a achegarse caracterizados ao xeito daquela época para danzar na praza do Gaiás ao son das bandas de Lalín, Valladares, Santa Cruz de Ribadulla e a Lira de Ribadavia, e das charangas tradicionais de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Á noite repartiranse premios ao mellor vestiario e á parella de baile que demostre maior destreza.

O conselleiro eloxiou o feito de que esta segunda edición do Serán estea dedicada ás bandas de música, polo seu importante papel na cultura galega, «tanto pola súa relevancia artística como polo labor social e docente que desenvolven, formando no seu seo ás novas xeracións de músicos». Segundo datos da FGBMP, Galicia conta a día de hoxe con máis dun cento de agrupacións que aglutinan a uns 8.000 intérpretes e nas que aprenden música arredor de 5.000 rapaces.