Oliver Laxe: «Non fago películas para catro críticos, senón que o que quero é que a xente se conmova»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Oliver Laxe, á esquerda, cos intérpretes do seu filme, Benedicta Sánchez e Amador Arias
Oliver Laxe, á esquerda, cos intérpretes do seu filme, Benedicta Sánchez e Amador Arias ERIC GAILLARD | Reuters

O director galego participou cos seus tres filmes no Festival de Cannes, onde acadou catro premios

27 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Do seu paso polo Festival de Cannes Oliver Laxe (París, 1982) arrastra aínda sono atrasado acumulado e moitas imaxes emocionantes na retina. A súa película O que arde -a primeira en galego nos 72 anos do certame francés- participou na sección Un certain regard e acadou dous premios -do xurado e á creación sonora-, que se suman aos que sumou cos seus filmes anteriores, Mimosas e Todos vós sodes capitáns en Cannes.

-Cando acudiu con «Todos vós sodes capitáns» do 2010 víase de novo en Cannes e con premio?

-O momento máis transcendental foi cando seleccionaron Capitáns. Porque ata entón eu non sabía se ía ser cineasta. Vivía nas marxes do cinema, facendo pequenas películas, cousas persoais, líricas, moi lexítimas tamén. Filmando coma un artesán. Que colleran Capitáns era, dalgunha maneira, abrir a porta a un cineasta que pode facer cine esencial nun contexto de mercado como é o caso das películas de Cannes. Sabía que ter máis medios repercutiría positivamente no meu cinema, como sempre é o caso.

-Dalgún xeito, as súas películas están feitas tamén dende a periferia...

-Esta película esta feita dende as marxes da periferia de España, pero dende o centro do cinema en España. Non estamos nas marxes, estamos en Cannes. Ser unha das películas seleccionadas xa é un premio. O máis fermoso de Cannes foi sentir que a película foi unha das sensacións do festival. Cando falabas coa xente todo o mundo falaba dela, que había que vela. A maneira que tiñan de describila, que non a daban descrito, unicamente tiñan adxectivos, cualificativos como fenomenal, marabillosa, indescritible. Iso foi o máis fermoso da semana, ver que todos eses anos de traballo, todos os sacrificios, a falta de sentido aparente que ten o traballo, ao final notamos como que toda esta xente vai a reverter amorosamente, encher de amor todos eses ocos que temos dentro de nós, baleiros de cansazo, esa necesidade de atoparlle un sentido a un traballo tan demencial, tan excesivo, tan intenso. E con ganas de continuar.

-Foi fermoso ver aos actores, Benedicta Sánchez e Amador Arias, na presentación. Como foi esa experiencia para eles?

-Bastante ben, porque tamén é un equipo moi amoroso. Coidámonos moi ben, porque de non ser así non poderiamos ter feito unha película. Facer unha película, iso é o difícil. Estar aquí é máis sinxelo, máis de celebrar. Foi moi bonita a muiñeira que bailou Benedicta no photocall, moi lindo. Foi outra das sensacións, Benedicta. Cando nos deron o premio á mellor creación sonora preguntaban por ela. Todo o mundo alucinou con ela, a xente do xurado. Tamén con Amador, pero, claro, unha muller de 85 anos non se ve no cinema así, con esa actitude.

-Tampouco se vira nunca o certame un filme en galego.

-Tiven problemas co meu teléfono e non estiven moi activo, pero creo que teño uns cento e pico Whatsapps de «orgullo, orgullo, orgullo». É a palabra máis repetida nas mensaxes da xente que me escribe. En varias dimensións da sociedade en Galiza pasamos por unha fase de acomplexamento e estamos determinados a facer un traballo serio e rigoroso. Sempre tivemos esa capacidade de sacrificio, os nosos barcos tiveron moitas velas e cos nosos rumbos dámoslles boas direccións. Igual non é un símil moi acertado...

-Barcos que levaron aos emigrantes galegos por todo o mundo.

-Así é. Na presentación dediquei a película a todos os emigrantes de Galiza en Francia, tanto os que quedaron alí como os que xa volveron, como meus pais. Creo que é o máis é o que máis me conmove: o seu traballo, o seu sacrificio, as penurias que viviron... as dificultades de cambiar de país. Para moitos sería bonito ter unha película en Cannes. Tamén me gustaba recordar a xente que acollía os emigrantes, que non ocorre tanto hoxe en día. E o día do premio dediqueino aos cineastas, cos que fago parte un pouco, os que non teñen fácil facer as súas películas. É unha das cousas das que máis contento estou, porque creo que esta peli vai significar un paso máis nese intento de que este cinema esencial. É unha película que vai gustar a máis público, vai romper un pouco esta polarización entre cine comercial e de autor co que non estou de acordo. É un pouco o meu obxectivo. Eu non fago películas para catro críticos, senón que teño vontade de que a xente, en concreto os galegos, atopen familiaridades, se vexan identificados, que se conmovan, que sintan orgullo. A ver se é o caso.

-Para iso hai que vela nos cines.

-A finais de ano. Tamén vamos a recoller o traballo de Mimosas e anteriores películas, ademais do bo dos festivais galegos. O público non é hierático, non é algo que non evoluciona, que é o que cren moitos produtores e programadores de canais de televisión, que pensan que o público é algo fixo, que non evoluciona e que quere facilidade, distracción. Iso é maltratalo. Cremos que hai que facer o traballo contrario. Aprendendo nós e crecendo ao mesmo tempo co espectador, en conxunto.

-Na súa crónica para La Voz José Luis Losa dicía que era moi plausible velo nun futuro próximo competindo pola Palma de Ouro.

-A verdade é que depende do proxecto. A miña próxima película ten bastante pinta de competición oficial. O que pasa é que a min me custa moito producir en España. O 60 % dos cartos da película son europeos e sigo sen ter o apoio da televisión pública española. Xa son cinco veces que me presento. Teño tres películas en Cannes con catro premios e con todas as películas sempre me digo «agora me teñen que axudar, agora chegou o momento». E non. É moi probable que faga unha película francesa. Creo que un bo equilibrio vai ser facer unha película fóra e a seguir outra galega. Unha película máis en casa e outra de aventura, de emigración.