Unidos polo retratista

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A Fundación Seoane e a Casa Museo Casares Quiroga acollen unha mostra de fotografías atopadas protagonizadas por parellas de homes, mulleres ou travestidas

23 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As fotografías son intres conxelados de presente que se transforman en mensaxes para o futuro. Unha posterioridade que sobrevive aos seus protagonistas unha xeración, quizais dúas, pero que co decorrer dos anos acaba por converter en anónimos a eses seres que algunha vez foron coñecidos e queridos para os que atesouraron os retratos.

Algo así acontece coas imaxes que dan forma a mostra De par en par, que se abriu este mércores na Fundación Luís Seoane e na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña, onde se poderán ver ata o 30 de setembro. Son varias decenas de fotografías atopadas -como especifica un dos dous subtítulos da mostra, que as data entre 1880 e 1947- e que pertencen á colección do comisario, Xosé M. Buxán Bran. O outro subtítulo -Amores entre iguais- completa a interpretación das imaxes, que representan parellas de mulleres, de homes e travestidos.

Esa «maxia e misterio», como denomina Buxán Bran o atractivo que exercen as fotografías atopadas, é precisamente a que as libera de identidades para abrirse á liberdade de interpretación. Fronte ao estereotipo de retrato de cabaleiro e dama, a mostra aposta por escoller esas imaxes que emparella a pares, unha ollada que, formulada dende hoxe, reivindica o amor igualitario. «É certo que descoñecemos os vínculos que unían a estas persoas», recoñece o comisario, profesor na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. «Pero achegarse a un estudio para retratarse xuntos implica un compromiso de afecto e intimidade», reflexiona. Así, en tempos e sociedades que proscribirían este tipo de unións de xeito oficial, o retratista se erixía na alternativa para que se rexistrase e constase: «O estudio confírelle un cariz de cerimonia, co fotógrafo como mestre dese ritual civil».

O estudio é outro dos temas comúns a esta mostra, xa que todas as imaxes -procedentes na súa meirande parte de Europa e as dúas Américas- están tomadas nos negocios dos retratistas. Hai, xa que logo, outras perspectivas dende a que contemplar estas imaxes: son un valioso testemuño para a historia da fotografía, pero tamén da evolución do vestiario, dos costumes, materia prima para a interpretación sociolóxica. Sen esquecer a xeografía, a historia xeral ou a evolución das ideas e da política. «Hainas que foron enviadas dende países que xa non existen, como, por exemplo, os que formaban parte do Imperio Austrohúngaro. E algunhas teñen texto escrito, xa que foron enviadas por correo», describe Buxán, quen ofrece aínda máis lecturas a partir dos retratos: é significativa a ausencia de imaxes procedentes de Asia ou África; as que ten da India enmárcanse na era colonial baixo dominio británico. A clase social é tamén outra lente para examinar estas mensaxes dende o pasado. 

Un novo sentido

O comisario coñece ben o eido da fotografía atopada, pois é autor dun fotolibro, Bellos y desconocidos, así como organizou a mostra Bañistas no CGAC. As imaxes de De par en par serán recollidas tamén nun volume a xeito de catálogo, edición a cargo do selo Fabulatorio. As tres iniciativas teñen en común o feito de que se nutren de obxectos que pertencen a contextos moi diversos e que se unifican nun novo. A ollada do comisario é que as reorganiza a as dota dun novo sentido, o que emana da súa contemplación en conxunto, neste caso, esa reivindicación do amor igualitario que hoxe é unha conquista moi avanzada con respecto ás datas nas que foron feitas estas fotografías, como lembra o caso de Elisa e Marcela, as dúas mestras coruñesas que casaron en 1901 e agora obxecto dunha película.