Antonio Fraguas: «O peor minifundio que temos en Galicia é o das ideas»

xosé a. neira cruz

CULTURA

Fraguas (á dereita), con Filgueira Valverde
Fraguas (á dereita), con Filgueira Valverde XOAN A. SOLER

En 1992 o mestre de Cotobade concedeu a Xosé A. Neira Cruz esta entrevista, inédita ata hoxe

17 may 2019 . Actualizado a las 10:51 h.

O 27 de abril de 1992 Antonio Fraguas recibiume no seu piso da rúa Montero Ríos, en Santiago. Era a primeira vez que falabamos, malia levarmos tempo carteándonos. Unha relación epistolar que naceu da arroutada dun adolescente curioso que lle escribiu a un home ao que admiraba como quen guinda unha botella ao mar con mensaxe dentro: sen moitas esperanzas de que chegase resposta. Evidentemente si chegou. Non podía ser doutro xeito mediando a xenerosidade e a bohomía de Fraguas.

-Confésolle que sigo preguntándome por que lle respondeu a aquel rapaz descoñecido.

-Como primeira cousa, non me molesta que me pregunten, que me escriban, que falen comigo. O único que pode ocorrer é que ao mellor vaia un tanto apurado, pero trátase de poñerse de acordo para falar de algo que eu poida saber, agás de política.

-Por que non de política?

-Hai algún tempo que estou moi descrido dos xogos malabares da política.

-Se cadra tamén porque padeceu as consecuencias de dedicarse á política.

-Iso foi hai moito. Eu estiven con Castelao no último discurso do Estatuto que se fixo en Galicia. Foi na Estrada, no 36. Era época de festas e fíxose un mitin no que tamén falei eu. Ademais falara un comunista, que nin sequera lembro como se chamaba, pero pasado pouco tempo lembráronmo ben. Denunciáronme e quedei cesante. E menos mal que non acabei no cemiterio.

-Pero o que lle tocou sufrir non foi pouco. Perder a súa praza de profesor, ter que sobrevivir ao medo e á inxustiza...

-A nosa xeración pasou momentos un tanto difíciles que ogallá non se repitan. Son percances históricos por fortuna sempre moi distanciados. E logo, mire, en Galicia hai desgraciadamente unha cousa: o minifundio. Pero o peor minifundio que temos é o das ideas. Aquí cadaquén vai polo seu sitio. E se dixésemos: «Bueno, pero vai pensando». Porque no sitio onde pensan moitos, pénsase. Pero aquí... Hoxe Xan pensa así, mañá Xan pensa asá e pasadomañá Xan xa pensa asó.

-Tamén acontece iso dentro do galeguismo?

-Aquí pasa que antes que ser galeguistas, é dicir, ser amantes de Galicia e facer todo o posible por e para Galicia, son dun partido. Iso non me gusta. O noso partido debería ser o ben de Galicia.

-Sospeito que máis que a política, o que non lle gustan son os políticos.

-Mire, cando comezou a Guerra Civil houbo xefeciños que cambearon de socialistas duros nunha estación de ferrocarril e na seguinte xa eran do movemento. Agora pararon o movemento e serán… sabe Deus o que!

-Admira algún sistema político que nos puidese servir de modelo?

-Teño por demócratas aos ingleses, pero claro, antes ca demócratas son ingleses. Cando rematou a Guerra Mundial, preguntáronlle a Mister Churchill se botaba unha man e respondeu: «El gobierno británico verá con satisfacción que España restablezca un gobierno democrático». Carajo! Sabes que cho deberan dicir a ti cando estabas para embarcar as forzas e tiveron que reembarcar no Canal e salvastes a toda a xente grazas á brigada española que resistiu aí.

-Con que grupo político simpatiza actualmente?

-Sempre digo que teño un partido e eu son o presidente e mailo vicepresidente, e como aínda non veu o secretario, tamén son o secretario.

-O de facer un pouco de todo sempre foi unha constante na súa vida.

-Teño bastantes encargos e como son o mecanógrafo, secretario e recadeiro, lévame máis tempo por ser moi mal mecanógrafo, porque nunca aprendín a escribir máis que por min mesmo mirando ben prás letras.

-E agora tamén cronista oficial de Galicia.

-Estimaba máis non selo. Merecíano máis Fernández del Riego ou Meijide Pardo. Agora, claro, terei que facer algunha crónica. A ver se este verán me poño.

-Non o deixan acougar...

-Cando me xubilei estaba sentado nese sillón no que está vostede agora e díxenlle á miña muller: «Agora vou facer o que me pete: vou estudar o cantigueiro». Soa o teléfono, era Filgueira: «Fraguas, tes que facer unha conferencia sobre as panxoliñas». Aceptei e... desde entón estou a facer o que me piden.

«Unha vez bailei cunha bruxa»

Desde os tempos dos estudos universitarios, Compostela converteuse no centro do mundo para Fraguas. Quizais porque nesa cidade atopou resumido todo o que o apaixonaba, como home e como estudoso.

-Como lembra aquela cidade á que veu estudar?

-Aquel Santiago non se parece case nada ao de hoxe porque as leiras onde se collían millo e patacas están cubertas de edificios, algún ten noventa vivendas, con máis veciños que os que viven na miña aldea.

-Tamén a Universidade nada ten que ver coa que vostede coñeceu.

-Hoxe conta con máis medios e oportunidades. Daquela non había fotocopias, os apuntes pasábanse a man. Lembro unhas libretiñas coas regras de fonética que facía eu e vendía a cinco pesos, cos que podía ir e volver a Pontevedra, e pasar alá o sábado e o domingo, sen ir ao cine e sen tomar un café nin convidar a ninguén.

-Á fin tamén é fillo adoptivo de Santiago.

-Síntome moi fillo de Compostela. Cando decidiron darme ese título pareceume que estaba atinada a decisión, porque, Señor, coido que teño feito máis por Santiago que moitos santiagueses que andan por aí.

-E a que personaxe destacaría na historia de Galicia como dos máis relevantes?

-Quizais ao arcebispo Xelmírez. Soubo facer valer este país. Traballou como un gran señor feudal para defender a tumba do Apóstolo. E Santiago, sen dúbida, débelle o que é.

-En que lle parece que segue manténdose a esencia verdadeira de Galicia?

-Na poesía e na música. Claro que non me gusta todo o que se presenta como música ou cultura galega hoxe. Nin sequera algunhas veces me parece música ou cultura. Xa non falemos do substrato tradicional, que ese está condenado a perderse.

-Dese mundo en vías de extinción garda algunha lembranza curiosa?

-Unha vez bailei cunha bruxa. Non sabía que se dedicaba a iso pero era bastante boa moza e saqueina a bailar un agarrado.

«Decateime de que aprender era moi bonito»

Loureiro de Cotobade foi a memoria da infancia que acompañou a Fraguas ao longo de toda a súa vida e que marcou non poucas das súas querenzas e traballos. Lembraba os xogos e rimas de botar sortes á perfección. «Tiven unha infancia curiosa. Xogaba cos outros nenos ás bólas, á pelota, á pita cega, á estornela, ao zamanquiño, que se xogaba á perna coxa, á chica e á porquiña, que é unha especie de hóckey galego primitivo. A pelota e as palas eran de pao de toxo».

A emigración planeou varias veces sobre el coma unha sorte de destino. «Meu pai era canteiro, pero era mal canteiro, facía as cousas ás présas. En cambio, tiña unhas habilidades moi especiais. Na casa aínda conservo planos seus para facer unha liña férrea. Foi diso do que traballou na emigración. El quería levarme para o Brasil e que fose maquinista. E a min chistábame ser fogueiro».

Salvouno dese destino a capacidade para o estudo. «Eu fun a unha escola do sistema antigo dos cinco aos doce anos e non sabía nin conxugar nin declinar. Ensináronme unha soa vez un mapa, para marcar onde quedaba Verdún, que a estaban bombardeando daquela. As cousas facíanse porque si. ‘‘Ha se escribe con h porque es del tiempo del verbo haber”. Pasei un ano enteiro pensando que sería iso. Ao final fun preguntarllo a meu pai e el non sabía a que se refería. Dixo: “Hai tempo de primavera, de outono, de inverno... pero iso do tempo do verbo haber...”».

Uns meses antes da data acordada para a súa partida cara ao Brasil, saíu ao seu encontro don Antonio, o mestre que poñía escola en Famelga, a un quilómetro da súa casa, e que coñeceu porque ían á misa á mesma parroquia. «Foi empezar con el e aos quince días xa sabía unha morea de cousas. E decaiteime de que aprender era moi bonito. El díxolle a meu pai que non me mandase á emigración, que eu valía para estudar unha carreira. A meu pai gustoulle que lle dixese que era listo, pero non tanto o de darme carreira. Non había recursos. Tiñamos un hórreo de dous tramos, o cal quere dicir que alí moito gran non entraba. Pero miña nai, nada máis sabelo, dixo: “Que estude”». 

Acto hoxe en Cotobade

Cotobade é o lugar onde a Academia celebrará hoxe o acto na honra a Fraguas, na carballeira de Famelga (11.30 horas). Intervirán Clodio González Pérez, Fina Casalderrey e Francisco Díaz-Fierros para ofrecer distintas visións da vida e legado do homenaxeado.