O libro galego amosa o potencial e reclama apoio á lingua e ao sector

Montse García Iglesias
montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

Premian quince traballos editoriais e conceden tres distincións de honor

13 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O obxectivo de amosar a capacidade creadora da cultura e da lingua galega quedou acadado na Gala do Libro Galego celebrada en Santiago. Pero a entrega dos 18 galardóns -tres deles honoríficos- veu acompañada de reivindicación. «É preciso facer viable unha industria cultural galega en galego, cos necesarios apoios reais, como economía produtiva que é», asegurou Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritoras en Lingua Galega, que xunto coa Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia organiza esta gala. Sánchez lembrou o peche de librarías ou o descenso do uso do galego e reclamou accións á administración autonómica.

Na gala recoñeceuse o traballo no 2018. Na categoría de ensaio e investigación gañou Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emilio Xosé Insua; en divulgación, Castelao na arte europea, de Siro López; en narrativa, Natura, de Iolanda Zúñiga; en infantil, Os contos da avoa Pepa, de Francisco Xosé Fernández Naval; en xuvenil, Bestiario científico de Anxos Nogueirosa, de Antonio M. Fraga; en libro ilustrado, Man de Camelle, de Carmen Hermo; na sección de libro de banda deseñada, O puño e a letra, por VV. AA.; en iniciativa bibliográfica, Biblioteca de Pedagoxía, de Kalandraka Editora; en tradución, A señora Dalloway, de Virgina Woolf, por Celia Recarey Rendo; en poesía, Memoria do corpo, de Xesús Rábade Paredes; en teatro, Eroski Paraíso, de Chévere; e o libro mellor editado foi Seis poemas galegos, de Federico García Lorca por parte de Alvarellos Editora. En canto os premios ás traxectorias recaeron na Asesoría de Bibliotecas Escolares, na sección de iniciativa cultural ou de fomento da lectura; en Brétemas, de Manuel Bragado, como mellor proxecto literario na rede; e en Luzes, no apartado de xornalismo cultural. Tamén se entregaron os premios honoríficos a María Xosé Queizán, Antonio Fernández Maira e Maria Teresa Horta.