Fraguas, o «bo fillo» de Cotobade

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

O municipio no que naceu o homenaxeado das Letras Galegas será epicentro dos actos do día 17. Alí, a pé da que foi a súa escola de aldea, eternizarase a súa pegada

12 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Din que Antonio Fraguas, etnógrafo, xeógrafo, historiador e docente tivo, por méritos propios, un dos máis grandes privilexios dos que un ser humano pode gozar: nunca deixou de ver o mundo con ollos de neno. Mirábao, ademais, con esa ollada infinitamente curiosa de neno de aldea. Porque el naceu na terra rural de Cotobade (Pontevedra), no lugar de Insuela. E, aínda que viviu en distintas cidades galegas, nunca perdeu o vínculo coa orixe. Volvía de cando en cando fisicamente a Cotobade e nunca marchou sentimentalmente. «Contra o final, cando a miña tía xa non podía acompañarnos a Insuela porque era maior, el viña e sempre se lembraba de levarlle peras ou flores das camelias. Nunca marchaba sen elas, vivía así, gozando de cada cousiña e sendo infinitamente bo e xeneroso», lembra con emoción a súa sobriña neta e afillada Carolina Martínez.

Precisamente, foi na súa casa de Insuela onde o Concello de Cotobade deu inicio, aló no mes de xaneiro, aos actos do ano de Antonio Fraguas. Fíxoo poñéndolle unha placa na fachada do fogar de Insuela pero, sobre todo, facéndoo soar a música popular, esa da que tanto gozaba e que recolleu no seu libro O cancioneiro de Cotobade, que por certo reeditou o Concello con cedé incluído. A partir desa data, o municipio natal de Antonio Fraguas non deixou de encadear homenaxes. Onte mesmo foron os alumnos do instituto de Tenorio os que inauguraron un gran mural co rostro de Fraguas feito con topónimos da súa terra, como símbolo da súa labor etnográfica e de loita pola lingua.

Na carballeira de Famelga

Agora achégase o 17 de maio. E, como non podía ser doutra maneira, Cotobade será o lugar dende onde se faga eterna a figura de Fraguas. Elixiuse un lugar para homenaxealo a súa imaxe e semellanza. O pleno da Real Academia Galega terá lugar na carballeira de Famelga, a carón da escola de aldea de Antonio Fraguas; esa mesma na que un mestre viu nel semente de futuro e lle pediu aos pais que o deixasen formarse. O docente logrou o obxectivo e Antonio Fraguas saíu de Cotobade para ir estudar a Pontevedra, onde foi alumno de Castelao. Anos máis tarde acabou ocupando o oco que deixou baleiro o ilustre e universal rianxeiro na Real Academia Galega.

O día que se converteu en membro de número da RAG deu un discurso titulado As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán, un texto fiado con versos da súa terra. Foi toda unha declaración de intencións que fixo que Otero Pedrayo respondera chamándolle «bo fillo de Cotobade». Abofé que o era. E o día 17 a súa terra nai hallo de lembrar.

«Lembro as viaxes con el. Sabía a historia de cada lugar e contábaa»

Antonio Fraguas e a súa muller, Teresa Martínez, non tiveron fillos. A súa familia máis próxima eran os irmáns e sobriños, que estes días non deixan de acudir a cada unha das homenaxes. José Carlos Martínez, sobriño del, sinalaba: «Estou seguro de que se el vivira todas estas lembranzas tan agarimosas que se lle están facendo tería tres sentimentos. Estaría moi agradecido, moi ledo e tamén moi orgulloso». Explicaba despois que o Antonio Fraguas que eles coñeceron na intimidade tiña unha personalidade moi similar á que amosaba tanto cos seus alumnos e na esfera pública. «El era sempre unha persoa afable, un verdadeiro contador de historias», sinala José Carlos Martínez.

Nese punto coincide plenamente co que di Carolina Martínez, sobriña neta e afillada de Fraguas: «Lembro moi ben as viaxes en coche con el, sabía a historia de cada lugar polo que pasabamos e era capaz de contala ben. Era unha marabilla escoitalo», di. Conta ela unha anécdota doméstica, pero desas que son quen de retratar a quen está detrás delas: «Foi un home que viviu todas as etapas do século XX -naceu en 1999 e morreu en 1999- e unha das cousas que máis me sorprendía del e que sempre quería estar ao día, sempre quería sumarse ás cousas novas. Lembro que cando iamos a Cotobade, a Insuela, os máis novos iamos cos tenis. E el interesouse moito por iso, dicía que parecían cómodos e que tamén quería ter uns... e acabou tendo uns», conta Carolina mesturando o sorriso coa emoción.

Unha cumprida achega á biografía e á obra do autor

O xornal entrega o vindeiro venres un volume dedicado aos fitos vitais de Antonio Fraguas Fraguas

Dende hai xa varios lustros, La Voz de Galicia engadiu á celebración do Día das Letras Galegas a edición dun libro conmemorativo da efeméride que ofrece aos seus lectores cada 17 de maio. O volume adoita ser unha achega biográfica ou unha escolma da obra do autor homenaxeado nesta data e, en ocasións, unha combinación de ambas. Este ano o xornal ofrece, polo prezo de 1,95 euros mais o cupón do lombo, a obra Antonio Fraguas Fraguas. Estancias vitais dun mestre sabio, do que é autora María Xosé Fernández Cerviño. Nas súas páxinas vanse debullando os principais fitos biográficos de Fraguas, dende o seu nacemento en Cotobade, pasando polas súas estancias en Pontevedra, A Estrada, Lugo e, loxicamente, Compostela. Fernández Cerviño tamén se detén en varias páxinas na obra de Fraguas e as súas facetas como historiador, etnógrafo, arqueólogo e divulgador. O volume péchase cunha colaboración do propio Fraguas con La Voz de Galicia, un artigo de 1984 sobre Antón Losada Diéguez.

Estancias vitais dun mestre sabio segue deste xeito o ronsel de publicacións que veñen engadíndose cada ano á colección Letras Galegas, que forma parte do selo Biblioteca Gallega do xornal, nacida nos mesmos anos da súa orixe no século XIX. Autores como Ramón Piñeiro, Avilés de Taramancos, Lois Pereiro, Valentín Paz-Andrade, Uxío Novoneyra, Xaquín Lorenzo ou Xosé María Álvarez Blázquez teñen libros dedicados nesta colección. Estes volumes preséntanse tradicionalmente en sociedade na sede da Real Academia Galega. Este ano a cita será o vindeiro día 15, ás 12.00 horas.

Estas achegas biográficas e literarias están ao coidado de especialistas ou de persoas que coñeceron de primeira man a vida e a obra dos persoeiros homenaxeados. Nestes últimos anos destacan os traballos de Antón Riveiro Coello sobre Carlos Casares, Xesús Ferro Ruibal sobre Filgueira Valverde, Mercedes Queixas sobre Manuel María, Xesús Alonso Montero sobre María Victoria Moreno ou Luís González Tosar sobre Xosé María Díaz Castro. Unha boa biblioteca para festexar o mellor das letras e da literatura galega.